‘cOmunicánDonoS’ en Fene

‘cOmunicánDonoS’ en Fene
27 de Xuño, 2023 - 02:26 h. | Publicada por Radio Fene

As Emisoras Municipais Galegas (EMUGA-Radiofusión) están detrás da guía do pódcast e novas ferramentas en vídeo para comunicar valores que será entregada e presentada este mércores no Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene.

A publicación denomínase 'cOmunicánDonoS. Guía práctica para a elaboración de contidos audiovisuais e pódcast relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel'  Trátase dun documento editado polo proxecto ‘Onda ODS- Empeza por ti’, coa participación das Emisoras Municipais Galegas (EMUGA), da Asociación de Emisoras Municipais e Comunitarias de Andalucía (EMA-RTV), Radio Televisión Cardedeu de Cataluña (RTVC) e a Rede de Medios Comunitarios (ReMC) grazas á axuda do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. ‘cOmunicánDonoS’ pretende ser unha ferramenta útil para todas aquelas persoas interesadas en comunicar con valores, convencidas da necesidade de cambiar o rumbo cara a unha sociedade máis xusta e máis responsable fronte a problemáticas como a emerxencia climática ou as desigualdades. A idea é facilitar a "apropiación" dos novos códigos comunicativos que nos achega a dixitalización e que as persoas pertencentes a diferentes entidades sociais ou medios de comunicación teñan nas súas mans unha guía práctica para poder concienciar e sensibilizar coas súas mensaxes á cidadanía a través de diferentes fórmulas audiovisuais. O acto de presentación de ‘cOmunicánDonoS’ terá lugar este mércores 28 de xuño ás 19,30 horas no Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene. No evento participarán representantes do movemento asociativo de Fene e da comarca de Ferrolterra. A entrada será de balde e repartiranse exemplares da publicación entre as persoas asistentes. Intervirá o director de Radio Fene e secretario de EMUGA-Radiofusión, Henrique Sanfiz.

Na imaxe, escolares do Colexio San Ramón de Moeche en Radio Fene.

Fotografía: Xan Xe.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora