‘Menú de enganos’, Un restaurante literario moi especial

‘Menú de enganos’, Un restaurante literario moi especial

22 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

‘Menú de enganos’ titúlase un dos libros máis sorprendentes de todos cantos se teñen publicado na nosa lingua nos últimos anos. “Literatura á carta. Unha carta literaria. Literatura con sabor. Historias gorentosas para darlle gusto ao noso padal. Contos para comer, para mastigar de vagar, para gozar e repetir. Un menú completísimo. Dieta de palabras absolutamente perfecta”. Deste xeito defíneo  a Editorial Galax

Todos os relatos teñen un fío condutor, o do engano. O engano a un mesmo, o engano a outras persoas e mesmo enganos do autor ao lector. Un xogo de mentiras e verdades que Núñez Singala nos presenta a xeito de picoteo. “Como hoxe todos temos moita présa, non hai tempo máis que para picar algo pero non para facer unha comida completa. Entón díxenme que igual que hai un menú para comer, tamén pode haber un menú para ler”, explica. Hai contos para picar ou de entrante, máis pequenos, e logo os pratos principais que son máis longos. Están distribuídos segundo o tamaño ou segundo o indixestos que poden ser. En función do apetito escolles un prato máis completo ou outro máis lixeiro. 

O libro mestura contos curtos, incluso dunha soa frase con outros máis longos recollendo o imprescindible e afastándose das descricións superfluas ou das repeticións. Un traballo que non resulta doado de conseguir segundo o escritor. A retranca é outro dos ingredientes principais do libro.O pouso desa retranca inclúe moita crítica como os prexuízos sociais contra o galego, o falso ecoloxismo, a rutina, as falsas aparencias ou a mentalidade occidental no último conto. O humor galego aparece premeditadamente, é unha peza fundamental nas miñas obras e non se lle dá o valor que merece na literatura galega, indicou o autor lucense en Radiofusión.

Cultura