“DEC: o neno obeso de Ourense” (Antena 3, 22 h.)

“DEC: o neno obeso de Ourense” (Antena 3, 22 h.)

11 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Esta semana aprendín que a segunda frase máis célebre da historia do cine é aquela de “O Padriño”: “Voulle facer unha oferta que non poderá rexeitar”. Así que parei a cavilar en que clase de ofertas son esas e, malia que eu o descoñezo, os produtores de “¿Dónde estás corazón?” si que saben ben delas. Se cadra foi así que conseguiron a entrevista pola que devecen dende hai un mes tod

No combate en que se converteu o caso pola tutela do rapaz sobredimensionado (que en principio era un doente anónimo, logo foi o universal neno gordo de Ourense e máis adiante Moisés, ante quen se abrían os mares vermellos de fotógrafos e micrófonos) acabouse por facer da cuestión unha disputa entre a implacabilidade da lei e o inmenso amor paterno-filial. Malia que este se dea por suposto, non é argumento para que todos os que nos queremos nos saltemos os códigos con alegría. De seren así, se cadra estariamos escoitando aos Grateful Dead nunha comuna hippie, mais non o é, se cadra por desgraza.

En calquera caso, a revelación de segredos por diñeiro é antes unha cuestión de ética particular que de moral universal, e a min que os pais do cativo tutelado pola Xunta vaian a DEC a contar os seus segredos de cama, ou que el ten un sexto dedo no pé dereito e ela unha marca de nacemento no glúteo esquerdo paréceme estupendo. Agora ben, ir contar intimidades que pertencen a vida de outros, neste caso á dun neno de dez anos, para lucrarse, xa non me fai o mesmo chiste e rebaixa en varios puntos a solidariedade que puidera manter coa súa causa. Por certo, que a frase máis célebre da historia do cine é a de “Foise co vento”: “Certamente, querida, impórtame un beldro”. A min, coas glorias e miserias privadas do neno obeso acontéceme o mesmo.

DEC emítese ás dez da noite en Antena 3.

Sociedade