“El hormiguero: Matthew Fox” (Cuatro, 21.30 h.)

“El hormiguero: Matthew Fox” (Cuatro, 21.30 h.)

17 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Se Robinson Crusoe e Venres tivesen unha viaxe de ácido lisérxico e puidésemos coñecer o que acontecía nas súas cabezas durante o delirio, se cadra así poderiamos ter unha intuición do que é “Perdidos”, un melodrama televisivo que se enrosca sobre si mesmo desde hai cinco tempadas e que, calquera que non forma parte do culto, pensa que se resume marabillosamente no título: ninguén sabe o que pasa nin a onde pensan ir os

Culto é unha palabra máis próxima para definir a afección pola serie que referirse aos seus seguidores como fans. “Perdidos”, polo que me contan (non sen certa xactancia) os que a seguen, ten tanto percorrido na pantalla como fóra dela. Gózase en dous planos: o do espectador e o do elucubrador. A fin de contas, non hai cabeciña que non se pregunte que é o que pasa realmente no lugar no que aterraron accidentadamente os ocupantes do voo Oceanic 815. Semella unha illa tropical, pero hai alí monstros que non deberan estar, existe unha secuencia de números á que non se lle coñece a lóxica, sospéitase que existen uns veciños misteriosos, descobren un botón que cómpre premer para que non se acabe o mundo e, sobre todo, non hai saída.

Mentres resumo con habilidade de preescolar a serie, haberá fans aos que se lles incha a vena escoitándome falar de maneira tan torpe. Por iso, para eles será moito máis interesante escoitar ao líder desta función coral, o actor Matthew Fox, que pasa esta noite por “El hormiguero”, en Cuatro ás nove e media. Pobres incautos, se cadra pensan que lles pode revelar algo sobre esta tolemia. É o que teñen os fanatismos relixiosos, que aínda esperan un mesías.

Sociedade