“O decreto é a puntilla para a nosa comarca” segundo a Plataforma en Defensa do Carbón

“O decreto é a puntilla para a nosa comarca” segundo a Plataforma en Defensa do Carbón

01 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

Sindicatos, camioneiros e traballadores do porto exterior de Ferrol, concentráronse esta mañá na casa do concello para protestar pola aprobación do decreto do carbón. Un cento de persoas permaneceu na casa consistorial mentres durou o consello de ministros no que se ratificou o decreto do carbón. A norma agrava a crise da comarca de Ferrolterra e moitos traballadores corren o risco de perder os seus empregos.

“Non é de recibo que se solucione a situación doutras zonas do Estado a costa da nosa comarca, xa de por sí afogada pola alta taxa de desemprego” declarou esta mañá o secretario comarcal da CIG, Manuel Grandal. “Á crise do sector naval súmase agora o do carbón e todo responde a unha actuación política”. A cidadanía ten que saber que este decreto conta con informes desfavorables da Comisión Nacional de Enerxía e da Comisión Nacional de Competencia, sinalou Grandal.  

Uns dos que están a sufrir as primeiras consecuencias desta medida son os camioneiros. O seu voceiro, Tito Xubia, explicou que levan dous meses parados. Non chega carbón, dinnos que van chegar axudas pero só chegan para Endesa.

Esta situación conleva que traballen precariamente favorecendo o lucro cesante de Endesa, Gas Natural e Fenosa. Tamén outras empresas se aproveitan e non sacan os seus camións porque lles resulta máis barato contratar aos das Pontes.  

Manuel Grandal afirmou, que pese a súa aprobación, seguirán adiante nas súas reivindicacións.

Sociedade