6.040 quilos de residuos botáronse en abril no Punto Limpo de Ferrol

6.040 quilos de residuos botáronse en abril no Punto Limpo de Ferrol

09 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Punto Limpo Municipal recibiu o pasado mes de abril un total de 6.048,31 quilos de residuos. Segundo anunciou esta mañá o concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Rafael Fernández Beceiro, neste mes déronse de alta un total de 68 persoas, polo que na actualidade son xa 6.477 os cidadáns e cidadás que están a empregar estas instalacións municipais, ubicadas na estrada de Catabois.

Fernández Beceiro destacou a concienciación cada vez maior da cidadanía respecto á importancia da reciclaxe de residuos. En canto ao informe mensual do servizo correspondente a abril de 2011, subliñou que os veciños e veciñas de Ferrol trasladaron ao Punto Limpo Municipal 2.330,70 quilos de electrodomésticos, que continúan a ser os residuos depositados maioritariamente. A continuación, sitúanse os entullos, os metais e a madeira.   

O concelleiro de Medio Ambiente lembrou que o servizo prestado polo Punto Limpo é totalmente gratuíto e está destinado en exclusiva aos veciños e veciñas do Concello de Ferrol, que unicamente precisan darse de alta como aboados para facer uso del. As instalacións dispoñen no seu interior duns colectores claramente identificados para cada tipo de residuo. O seu horario de apertura é de luns a venres, de 9.00 a 13.00 horas e de 15.00 a 19.00 horas - os sábados tamén ofrece servizo durante dúas horas, de 10.00 a 12.00-. Só admiten residuos xerados por particulares, quedando desbotados aqueles outros de orixe industrial, que polo seu gran volume ou pola súa perigosidade deben recibir un tratamento especial distinto do verquido.  

A súa utilización responde a unha cuestión medio ambiental e de civismo, toda vez que o seu uso favorece a diminución do número de vertedoiros incontrolados existentes no termo municipal.

De xeito paralelo ao funcionamento do Punto Limpo, o Concello de Ferrol mantén o servizo de recollida de voluminosos nos domicilios. Para facer uso deste cómpre avisar do depósito a través do número de teléfono 981 326 900 e persoal responsable do servizo de limpeza indicará ao cidadán o día e a hora na que se desprazarán ata o lugar indicado.

Sociedade