7.000 parados máis en Galicia no terceiro trimestre do ano

7.000 parados máis en Galicia no terceiro trimestre do ano

28 de Outubro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

O número de parados incrementouse en 7.000 persoas, até as 226.500 en Galicia, o que sitúa a taxa de desemprego no 17% no terceiro trimestre do ano, de acordo cos datos da Enquisa de Poboación Activa, publicada hoxe. En toda España, o número de parados aumentou en 144.700 persoas no terceiro trimestre do ano, case un 3% respecto ao trimestre anterior, co que a taxa de desemprego escalou seis décimas, até o 21%, e o volume total de parados roza xa o

En Galicia, o aumento experimentado no número de desempregados foi do 3%, en relación ao trimestre anterior, pero alcanza o 16% de subida se os datos se comparan cos do terceiro trimestre de 2010. No último ano, sumáronse ás listas de desemprego na Comunidade galega 31.300 persoas.

Ademais, os datos do instituto estatístico amosan que no terceiro trimestre se destruíronse 4.400 empregos en Galicia, de modo que o número de ocupados caeu un 0,4% e situouse en 1.087.000. En relación ao terceiro trimestre do ano anterior, a destrución de emprego é de 31.800 postos.

O número de traballadores activos situouse en 1.313.000 persoas, o que supón 2.600 máis que no trimestre anterior. A taxa de actividade na poboación galega sitúase no 557% no terceiro trimestre e é superior para os homes (62%) que para as mulleres (49%). En canto á taxa de paro, a feminina alcanzou o 18%, mentres a masculina é do 16%. En Galicia hai 112.000 paradas fronte a 114.500 parados.

Sindicatos

Estes son os datos máis salientables da EPA, sobre os que xa se pronunciaron os sindicatos. UGT sinalou que as administracións central, autonómica e locais “teñen moito que dicir e unha gran responsabilidade na actual conxuntura”, polo que lles reclamou "medidas concertadas" para terminar con “a sangría do desemprego”.

A CIG chamou a atención sobre o feito de que é a primeira vez que baixa a ocupación no terceiro trimestre, que inclúe os meses de verán, nos que sempre se constatou un aumento do número de ocupados. A central nacionalista considera que esta “grave situación do mercado laboral” vén provocada pola falta de investimentos das administracións públicas na economía real, o “colapso” do sistema financeiro e as reformas laborais.

Pola súa banda, CC.OO. cualificou os datos de “demoledores para Galicia”, ao amosar que no último ano se destruíron 31.700 empregos e que 65.000 fogares teñen a todos os seus membros en paro. Escoitamos á voceira de Emprego de Comisións Obreiras, Maica Bouza.

Patronal

Tamén se pronunciou a patronal. O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla, manifestou a súa “enorme preocupación” polos datos do paro.

Oposición

A oposición pediu explicacións ao presidente da Xunta por estes datos. O deputado do BNG, Henrique Viéitez, asegurou, á vista dos datos da EPA, que “Galicia se converte na comunidade autónoma que máis emprego destrúe mentres outras comunidades o que fixeron é inclusive crear emprego neto”. Viéitez tamén subliñou que se confirman datos moi graves, como que Galicia “incrementa as diferenzas con respecto ao Estado e que a poboación máis castigada é precisamente a xente nova, de 20 a 24 anos”.

O secretario xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, acusou a Núñez Feijó, de afundir “todo o que toca”, en referencia á situación do emprego, a sanidade ou o sistema financeiro. O líder do PsdeG culpou “desta sangría” á política do PP “que non ten solucións nin para Galicia nin para España”, dixo.

Xunta

O presidente da Xunta avaliou tamén negativamente os últimos datos de desemprego, e culpou ao Goberno central de “contaminar” a capacidade de creación de emprego de Galicia. Non obstante, destacou, que a nosa comunidade mantén un diferencial de 4,3 puntos “por baixo”, con respecto á media do Estado.

Institucional