Acordo do Pleno de Vilalba para a formalización do comedor na gardería

Acordo do Pleno de Vilalba para a formalización do comedor na gardería

30 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A creación dun comedor na gardería de Vilalba está hoxe mais cerca, despois da aprobación, no pleno do pasado venres 27 de novembro, da ordenanza fiscal número 21 que regulaba a asistencia de menores a esta escola municipal. Esta medida, que estaba incluída no punto dous da orde do día, contou co apoio de todas as formacións políticas, o PP, o PSdeG-PSOE e o BNG.

A pesar da unanimidade na adopción desta iniciativa non faltaron reproches por parte da oposición. A concelleira socialista, Margarita de Vicente, tras anunciar que o seu partido se pronunciaría a favor, acusou ao grupo de goberno de “mentir” cando no pasado se afirmaba que a gardería non podía dispor dun comedor “por razóns de espazo”. De Vicente insistiu en que o proxecto era importante para a conciliación da vida laboral e familiar dos vilalbeses, pero que “chegaba tarde e mal” e que “se puido facer sen custe ningún”, xa que a empresa concesionaria “se ofreceu para facerse cargo do comedor, e agora hai que pagalo”.

 

 

Pola súa banda, o representante do BNG, Xosé Manuel Irimia, aproveitou a súa intervención para denunciar que a documentación relativa a este punto se atopaba exclusivamente en castelán, e pediu que se remitisen tamén no idioma galego. Sobre o propio punto amosouse a favor e remitiuse ao futuro para observar os pormenores desta nova instalación.

 

O alcalde da vila, Gerardo Criado, explicou que a inclusión deste tema na orde do día era un trámite obrigado pola Xunta de Galicia, xa que era preciso que o pleno aprobase a modificación do punto 7 da ordenanza. Este punto é o relativo á cota que había que pagar por asistir a este novo servizo e pediu que o debate se centrase “nesta cuestión específica en non en outras”.

 

Servizo de axuda no fogar

No tocante á ordenanza reguladora do “Servizo de axuda ao fogar”, que se correspondía ao punto 3º, acrecentáronse as discrepancias entre o PSdeG e o PP, que remataron coa abstención dos socialistas na votación, mentres que si foi apoiada polo BNG.

 

O rexeite do principal partido da oposición vilalbesa centrouse nas súas dúbidas con respecto ao control do concello sobre o servizo. Elba Veleiro afirmou descoñecer se o “control será do Concello ou dos técnicos da empresa concesionaria deste servizo”. A socialista tamén pediu que o traballo fose supervisado pola Comisión de Asuntos Sociais. Ademais, Veleiro, despois de referirse á importancia que ten para a cidadanía, preguntouse se os seus horarios son adecuados “xa que o seu peche en domingos e festivos pode facer que o servizo quede desatendido nas pontes ou fin de semana longos, mentres que os veciños que precisan deste servizo non poden esperar”.

 

O alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, contestou a Veleiro indicándolle que sería o Concello o encargado de “coordinar o servizo, mentres que a empresa será a que o faga cos seus traballadores”. Criado tamén informou de que a Comisión de Asuntos Sociais  decidirá sobre o “pliego de condicións para determinar a empresa que detentará este servizo”, xa que a actual cesa na súa actividade en xaneiro.

 

Moción sobre a lei de dependencia

 

Un dos escasos momentos quentes estivo na moción presentada polo PP de Vilalba na que se instaba ao goberno central a asumir o 50% da lei de dependencia. O concelleiro popular, José María Leira Boado, manifestou a necesidade de que se “revise o sistema empregado polo Goberno Central” para que “poida chegar a Galicia e a Vilalba a axuda prometida”.

 

A representante socialista Elba Veleiro tildou a intervención do actual concelleiro de Cultura vilalbés de “demagóxica” e defendeu a actual xestión do Executivo neste tema ao argumentar que os retrasos nos pagamentos se debían ao “aumento dos demandantes deste servizo que require un gran esforzo económico e que desbordou as previsións”, ademais de pedir “colaboración” para conseguir mais axudas para este colectivo.

 

O membro do BNG, Xosé Manuel Irimia, afirmou que non era partidario de aprobar esta medida, xa que definir un 50% suporía “limitar a contía para futuras negociacións”. O nacionalista puxo como condición para aprobar a moción que se pedisen responsabilidades “para uns e outros” e que non se “escaqueasen” cando se chega a un goberno autonómico.

 

Regulación de augas de Galicia

 

Outra das mocións debatidas no pleno do venres 27 de novembro foi a plantexada polo PSdeG na que se instaba á Xunta de Galicia a retirar o actual anteproxecto de Lei de Augas de Galicia e elaborar un novo proxecto que contase cun estrito cumprimento da Directiva Marco da Auga e a inclusión no texto da Lei de todos os preceptos incluídos na mesma; unha fiscalidade progresiva para auga en Galicia, e unha regulación e ordenación dos usos da auga que recolla todas as casuísticas do territorio galego e do acceso á auga.

 

Para Veleiro, a Lei de Augas ten “un afán exclusivamente recadatorio”, mentres que o alcalde, Gerardo Criado, cualificou a proposta de “oportunista” e foi rexeitada cos votos en contra do PP.

Sociedade