ADEGA denuncia que a presenza da Herba da Pampa podería danar zonas da Rede Natura ao seu paso por Begonte

ADEGA denuncia que a presenza da Herba da Pampa podería danar zonas da Rede Natura ao seu paso por Begonte

11 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

ADEGA, xunto coa Protectora de Animais Exóticos de Galicia (PAEXGA), ven de denunciar ás Consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente os posibles perigos que a especie vexetal denominada Herba da Pampa poden ter para o entorno da Terra Chá, concretamente para o medio ambiente do Concello de Begonte.

Esta especie está a espallarse pola A-6 e este carácter invasor podería chegar a afectar a ecosistemas de grande valor ecolóxico, mesmo aos que pertencen a zonas de Rede Natura 2000, como o río Neira, a lagoa de Río Caldo, en Begonte, o encoro de Cecebre ou os espazos intermareais de Betanzos.

Así, ambos os dous colectivos dirixíronse aos servizos da Xunta de Galicia (Medio Ambiente e Medio Rural), así como ao Ministerio de Fomento, para que retiren da Autovía A-6, ao seu paso polas provincias de Lugo e A Coruña, esta especie. A herba da Pampa tróuxose a Galicia como planta ornamental e demostrou que se pode reproducir a 30 quilómetros de distancia desde onde estea situada.

A reclama presentada por ADEGA e PAEXGA ante os organismos competentes consta dun informe no que se indica cal é a situación das plantas, as consecuencias da súa expansión, propostas para executar a súa retirada, e información lexislativa na que se contempla como delito ecolóxico a introdución de especies foráneas.

Sociedade