Adquirida unha parcela para limpar o río Cádavo

Adquirida unha parcela para limpar o río Cádavo
20 de Novembro, 2023 - 01:58 h. | Publicada por Radio Fene

Fene adquire unha parcela para mellorar a situación do río Cádavo e reducir o risco de inundacións. O Concello fíxose con unha parcela en situación de abandono e con varios requirimentos de limpeza sobre a canle do río, e inicia os traballos de limpeza. O goberno municipal leva meses reclamando da Demarcación de Costas do Estado e de Augas de Galicia solucións aos reiterados asolagamentos que se producen na unión dos ríos Cádavo e Magalofes.

O Concello de Fene vén de adquirir por 20.943,30 € unha parcela en Perlío en situación de abandono, e sobre a cal existían varios requirimentos de limpeza por parte dos servizos municipais que nunca foron atendidos. Esta parcela considérase un punto negro no transcorrer do río Cádavo, e coa súa adquisición o Concello pode non só acceder á mesma, senón tamén proceder aos labores de limpeza, que comezaron esta mesma semana, contribuíndo a reducir en parte os episodios de asolagamento como os producidos o pasado luns. Logo de adquirir a parcela, o Concello de Fene iniciou xa os traballos de limpeza na mesma, que consisten na roza e retirada de toda a masa vexetal sobre o río Cádavo, e baixo unha ponte que une dúas zonas da parcela adquirida. Está previsto que estes traballos continúen nos próximos días.

 



Nos últimos anos veñen repetíndose as inundacións no punto onde se unen os ríos Cádavo e Magalofes, en Perlío, cando coinciden episodios prolongados de choiva coa suba da marea, os últimos o pasado Nadal e a semana pasada, afectando a áreas cunha alta densidade de poboación e servizos. Esta situación levou ao goberno municipal de Fene a promover a redacción de varios proxectos e informes para a mellora da situación, que á súa vez o Concello puxo a disposición da Demarcación de Costas do Estado -responsábel do treito final do río tras o cruce da Avenida Marqués de Figueroa- e de Augas de Galicia, organismo con competencias no tramo anterior. Así mesmo, o Concello de Fene tamén tiña detectada unha situación de amoreamento de entullos debido á maleza acumulada sobre o río na parcela agora adquirida e á que, até o de agora, ao permanecer en mans privadas, non era posíbel o acceso.

“A adquisición desta parcela resulta de suma relevancia para o Concello de Fene, porque nos permite acceder á finca e proceder á súa limpeza, o que contribuirá a reducir o risco de inundacións na zona de Perlío”, sinalou o alcalde de Fene, Juventino Trigo e instou ao resto de administracións implicadas a seguir os pasos do Concello de Fene e “traballar activamente para conseguir que o risco sexa cero”. A Demarcación de Costas respondeu ao Concello de Fene indicando que nunca actuou na zona, e que tampouco ten programado facelo en próximas datas, mentres que Augas de Galicia continúa sen dar información sobre o estado de desenvolvemento do Plan Especial de Xestión de Riadas e Inundacións, un documento que Juventino Trigo, considera “fundamental para desenvolver un plan de actuacións fronte as inundacións para os próximos seis anos”.



 

Institucional

Publica o teu comentario agora