A AG-64 pechará un carril ata decembro

A AG-64 pechará un carril ata decembro

14 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A autovía AG-64 entre as localidades de Ferrol e Vilalba manterá un carril pechado de forma permanente de cada unha das calzadas no treito comprendido entre o punto quilométrico 35,7 e 36,6., segundo informou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. O corte prolongarase por un período de catro meses, é dicir, ata mediados do mes de decembro.

A razón do corte estriba nas obras de emerxencia e impermeabilización dos noiros de desmonte da Mourela, no Concello das Pontes, que está a realizar a citada Consellería. Esta obra lévase a cabo para evitar que as augas de chuvia laven as terras dos noiros e provoquen a dilución de minerais constitutivos, situación que provocaría unha variación do ph das augas e da súa acidez. O importe desta actuación na autovía AG-64 supera os 5 millóns de euros.

Cómpre sinalar que estes peches súmanse aos que desde o pasado mes de xullo se están a producir esporadicamente noutros puntos ao longo de 8 quilómetros desta vía de alta capacidade, xa que no tramo As Pontes-Cabreiros véñense producindo cortes de forma aleatoria por causa dunhas obras de emerxencia de impermeabilización de noiros de recheo. O presuposto que manexa o departamento que dirixe Agustín Hernández para estas obras ascende a case 6 millóns de euros.

Sociedade