Airiños de Fene acompañará aos Reis Magos

Airiños de Fene acompañará aos Reis Magos
04 de Xaneiro, 2024 - 08:18 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene ten todo preparado para recibir este venres, 5 de xaneiro, a comitiva das Súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente. Como cada ano, Melchor, Gaspar e Baltasar teñen previsto realizar un percorrido polas rúas de Fene, para posteriormente recibir ás crianzas que desexen coñecelos ou trasladarlles as últimas peticións de desexos ou agasallos para o Día de Reis.

O percorrido partirá ás 17.30h desde a rúa San Salvador (diante do CCRD de Perlío), para seguir o seu camiño pola Avenida Marqués de Figueroa, o cruce e a Avenida Naturais de Fene, desde onde se dirixirán á Praza Ramón Souto, onde terá lugar a recepción real nunha carpa habilitada polo Concello para a ocasión. Ademais de poder sacar fotografías coas SSMM, tamén haberá xogos e música nunha festa deseñada para o público infantil.

O concelleiro de cultura, Justo Martínez Ardá, amosou a súa “gran satisfacción” porque os Reis Magos tiveran respondido ao convite do Concello de Fene “para achegarse ata Fene e atoparse coa rapazada a poucas horas de iniciar a distribución de agasallos por todo o mundo”.

Ardá tamén avanzou que, coñecedores da visita real a Fene, a Banda de Gaitas “Airiños de Fene”, o grupo de baile May Dance e o grupo de animación de “La Guagua” quixeron sumarse á comitiva, e percorrerán as rúas de Fene xunto cos Reis Magos animando a Cabalgata, e cos paxes reais, que serán os encargados de tirar as lambetadas ao público.

Desde o Concello de Fene tamén se puxo en marcha un dispositivo especial de seguridade, no que colabora a Policía Local e Protección Civil. Durante o paso da Cabalgata, estarán cortadas ao tráfico as rúas polas que vaia pasando a comitiva, que serán abertas inmediatamente despois do seu paso. Asemade, a Avenida do Concello estará cortada ao tráfico e terá prohibido o estacionamento desde as 15 horas até o remate da festa infantil.

 

Fotografia Leandro Paz. Os Reis Magos en Moeche

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora