Alfoz celebra o XIII Mercado Medieval o sábado

Alfoz celebra o XIII Mercado Medieval o sábado

11 de Xullo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O entorno do Castelo de Castro de Ouro será un ano mais o que acolla a celebración do Mercado Medieval de Alfoz, que durante o sábado día 16 terá unha ateigada axenda de actos de homenaxe á súa historia feudal.

O concello de Alfoz continua coa tradición e este ano cúmprese xa a edición número trece deste mercado medieval, un dos mais antigos da comarca da Mariña. Nesta edición a festa comezará cunha ruta de sendeirismo organizada pola Asociación local Paso Miúdo e chamada 'Polas pegadas do Mariscal' en referencia á figura de Pardo de Cela e percorrendo lugares emblemáticos do contorno.

Ás 11 e media será o acto inaugural de chegada do Mariscal Pedro Pardo de Cela e Dona Isabel de Castro ó mercado e haberá un pregón a cargo do músico e compositor alfocense Arcadio Mon García. Á unha da tarde comezarán as actuacións de Rodesindo da Barrosa que continuarán toda a xornada. A mediodía haberá degustación de torrezmos e chourizos e un xantar campestre, para coller forzas para a tarde.
Pola tarde haberá actuacións dos Viqueiras de Ordes, troula con Andreso, exhibición de tiro con arco, obradoiros infantís de historia medieval e xogos medievais ecuestres. Continuará á tardiña a festa con teatro de monicreques e a gran cea medeival será as 9 da noite composta de mazá, empanada, xamón, chourizo, pan e viño. A dramatización da historia do Mariscal Pardo de Cela será un dos pratos fortes da xornada que vai rematar con unha queimada popular e espéctaculo de lume. Ademais a actuación do grupo de música tradicional Fiandola.

Ademais dos actos centrais, durante todo o día haberá actuacións de malabres, teatro, música, cantares de cego e demostración de oficios antigos e postos de productos artesanais.

Sociedade