Ampliar o arborado en espazos públicos

Ampliar o arborado en espazos públicos
24 de Marzo, 2021 - 02:21 h. | Publicada por Radio Fene

Fene celebrará o Día Internacional dos Bosques plantando castiñeiros en San Valentín. No acto simbólico, adiado para este xoves ás 12.00h., participarán membros de ASPANEPS e varios colectivos ambientais.

O domingo 21 de marzo está marcado no calendario como o Día Internacional dos Bosques, coñecido comunmente como "Día da Árbore", co que se pretende facer unha chamada de atención sobre a importancia ambiental das árbores e, neste 2021, sobre a recuperación das masas forestais como un dos factores clave para frear o cambio climático e preservar a biodiversidade. A Concellaría de Medio Ambiente de Fene adiou para este xoves a celebración da data, que terá lugar no paseo de San Valentín a partir das 12.00h. Será un acto simbólico no que se plantarán catro castiñeiros con axuda dos membros do obradoiro ocupacional de ASPANEPS.O lugar elixido para a plantación é o espazo situado ao carón da praia de San Valentín, que leva trazas de se converter nunha pequena fraga á beira do mar e nun dos principais enclaves verdes da trama urbana fenesa.

Na cita participarán integrantes do obradoiro de ASPANEPS, quen colaboran habitualmente coa área municipal de Medio Ambiente en distintas actividades. Elas e eles serán os encargados de plantar os castiñeiros con axuda do persoal de Servizos dedicado ao mantemento dos xardíns. Tamén asistirán varios colectivos ambientais da zona e desde o Concello apúntase que o acto simbólico está aberto a toda a veciñanza que queira sumarse, sempre mantendo a separación interpersoal e levando a máscara respiratoria correctamente colocada.

O evento encádrase na celebración do Día da Árbore, pero tamén nun paso máis para cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU relacionados co mantemento dos ecosistemas, da calidade do aire e do ciclo da auga. Ademais, a plantación tamén forma parte da iniciativa europea #UnhaÁrborePorEuropa, na que Fene participa xunto con outros 400 municipios asumindo tres ideas principais: ampliar o arborado de maneira racional en espazos públicos, visibilizar a importancia do desenvolvemento sostible no ámbito local e involucrar a mocidade nos procesos de toma de decisións en materia de sustentabilidade local.

Institucional

Publica o teu comentario agora