Andrés Cernadas: “Os colectivos socialmente desfavorecidos atopan moitos obstáculos no acceso á sanidade pública”

Andrés Cernadas: “Os colectivos socialmente desfavorecidos atopan moitos obstáculos no acceso á sanidade pública”

27 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O sistema de saúde non resulta equitativo para toda a cidadanía, xa que está deseñado para un usuario estándar sen adaptarse ás especificidades dos distintos colectivos. Esta é a principal conclusión á que chegou o profesor do Departamento de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Santiago de Compostela, Andrés Cernadas, no seu traballo As desigualdades no acceso aos servizos sanitarios públicos

Andrés Cernadas analizou o acceso ao sistema público de saúde dos inmigrantes irregulares, as persoas sen teito e os maiores que perciben unha pensión non contributiva e detectou que todos eles atopan barreiras no seu camiño cara á atención sanitaria. O profesor denuncia a “insensibilidade e discrecionalidade” dos profesionais, a burocracia, a descoordinación, a presión asistencial ou a falla de competencia cultural como elementos que explican as desigualdades.

No caso concreto das persoas sen teito, Cernadas entende que “non só hai que abrirlle ás portas á sanidade, senón ir buscalos”. Con respecto aos inmigrantes, denuncia que, por mor do idioma e as diferenzas culturais, este colectivo sofre frecuentes erros médicos. Así, o profesor da Universidade de Santiago defende que todas as comunidades deberían tomar exemplo de Andalucía e permitirlles ao acceso á tarxeta sanitaria.

Sociedade