Antonio de la Iglesia (ASCEGA): “A estrutura das caixas de aforro é obsoleta”

Antonio de la Iglesia (ASCEGA): “A estrutura das caixas de aforro é obsoleta”

26 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

"Non queremos ser nin outra Confederación de Empresarios nin a súa contrapartida", afirmou en Radiofusiòn o presidente da Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (ASCEGA), Antonio de la Iglesia, ao explicar o porqué do nacemento desta nova entidade. O empresario, responsable da construtora Isomán, si recoñeceu, pola contra, que “as estruturas existentes non estaban a dar resposta ás nosas inquietudes como emprendedores”.

Como “independente de ningunha adscrición política” defínese a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia, o que non impide que desde a entidade conten cunha opinión propia en asuntos como a reforma do mapa financeiro ou as políticas laborais gobernamentais. De la Iglesia admite non poder opinar sobre unha posible fusión de Caixa Galicia e Caixanova por descoñecer os seus balances económicos, pero si ten claro que considera as estruturas destas entidades como “obsoletas”. “As caixas deben traballar no mercado nas mesmas condicións que o resto de empresas financeiras”, afirma; un cambio que, na súa opinión, non repercutiría nas correspondentes obras sociais.

O presidente de ASCEGA pediu tamén un “gran pacto entre as forzas políticas maioritarias”. Coida que un dos principais problemas aos que se enfrontan as empresas é a “inseguridade xurídica” que xeran as reformas da lexislación laboral que emprende cada novo goberno que chega ao poder.

Sociedade