Aparatoso incendio na nave de Chicolino en Boiro

Aparatoso incendio na nave de Chicolino en Boiro

24 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

Ata trinta efectivos do parque de bombeiros de Boiro e do subparque de Ribeira traballan arestora para tentar apagar un incendio que se declarou hoxe nunha nave industrial de Boiro, e a cuxas labores de extinción tamén se uniron os efectivos de Protección Civil de toda a comarca, distintos Grumir, tres helicópteros da Consellería de Medio Rural e un helicóptero máis que fai labores de mando e coordinación.

Un particular deu aviso do lume e inmediatamente o 112 mobilizou aos servizos de extinción de incendios da zona, que neste momento teñen desprazados ao lugar a dúas nodrizas de 8.000 litros cada unha, dous camións de primeira saída con 3.000 litros cada un, una escaleira e dous pick-ups. Ante as dificultades para apagar o lume, debido aos materiais de fácil combustión que albergaba a nave (redes, plásticos, cordeas, etc), o 112 mobilizou tamén aos helicópteros e reforzáronse as labores de extinción con bombeiros do Salnés, membros dos Grumir de Boiro, Noia e Ribeira e efectivos das agrupacións de Protección Civil de Boiro, Noia, Ribeira, Pobra, Padrón e Vilagarcia.

 

Tamén están en estado de alerta listos para ser mobilizados o resto de bombeiros da provincia da Coruña.A proximidade do lume á Autovía do Barbanza obrigou a cortala á altura do incendio polas altas temperaturas que provocan os materiais en combustión, que tamén obrigan aos bombeiros a atacar o lume dende o exterior do recinto onde se atopa a nave, co obxectivo principal de baixar a nube de fume creada e reducir a carga térmica. Precisamente por mor do fume e das dificultades para atacar as lapas, dous bombeiros resultaron feridos leves e tiveron que ser trasladados a un centro hospitalario, un deles por unha contusión e outro por inhalación de gases.

Sociedade