Aquel 28 de xuño,...

Aquel 28 de xuño,...

28 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

Galicia aprobou en referendo o seu Estatuto de Autonomía, tal dia como hoxe hai 74 anos. O Partido Galeguista empregouse a fondo na campaña organizando un feixe de actos a prol do autogoberno en todos os barrios, vilas e aldeas. Ademais dos métodos tradicionais, utilizáronse daquela novas tecnoloxias, innovadoras, como a radio.

 

O 28 de xuño de 1936 celebrouse o plebiscito do estatuto, participando o 74,56% do censo electoral, con 993.351 votos a favor e 6.161 en contra. Naquel momento, o galego Santiago Casares Quiroga era o Presidente do Goberno da Segunda República. A Campaña polo SI foi espectacular. Galicia foi empapelada con carteis de Castelao, Luís Seoane, Camilo Diaz e Isaac Díaz Pardo.

O 15 de xullo de 1936, Gómez Román e Castelao, entregaron ao Presidente das Cortes Españolas o texto do estatuto aprobado en referendo, para o inicio dos trámites para a súa aprobación. Con todo, o estatuto de 1936 non chegou a entrar en vigor, debido á sublevación militar, aínda que as Cortes Españolas aceptárono a trámite en febreiro de 1938, grazas ás xestións de Castelao e á complicidade de Manuel Portela Valladares.

Panteón de Galegos Ilustres

A partir das 17h00, o BNG celebra un acto en San Domingos de Bonaval no que reclamará a apertura do Panteón dos Galegos Ilustres “diante do que supón o impedimento do acceso público a símbolos políticos e culturais”.

O Panteón dos Galegos Ilustres pechou o pasado mes como consecuencia do fallo xurídico que lle devolve á Igrexa o templo de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela. A apertura deste espazo fica pendente das negociacións entre a Igrexa, a Xunta e o Concello de Santiago.

Cultura