Arrinca o I Circo Europa centrado na formación e exhibición de espectáculos

Arrinca o I Circo Europa centrado na formación e exhibición de espectáculos

17 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

Circo Europa, a primeira edición do Encontro Jeunes Talents Cirque Europa, daba comezo esta mañá a un amplo programa de actividades que ata o vindeiro martes 29 de xuño congregará en Santiago un total de 70 artistas emerxentes e profesionais do novo circo e das artes escénicas procedentes de 12 países. O C

O encontro celébrase ao abeiro do programa Novos Talentos do Circo Europeo (Jeunes Talents Cirque Europe-JTCE), unha iniciativa europea de apoio a novos creadores no ámbito do novo circo. A asociación francesa homónima encabeza este programa, no que o CDG participa como único representante da Península Ibérica entre as 12 entidades asociadas.

Formación

A comisión artística de JTCE seleccionou os 19 novos creadores europeos, sete deles galegos, convidados a participar nas actividades formativas de Circo Europa que se desenvolverán desde hoxe e ata o 26 de xuño. Así, xunto cos artistas galegos, novos talentos orixinarios de Alemaña, Bélxica, Croacia, Eslovenia, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Suecia, Suíza e Serbia asistirán a dez intensas xornadas de traballo de adestramento, ensaio e intercambio de experiencias baixo a coordinación da coreógrafa francesa Fatou Traouré e do autor, director e intérprete Jean-Michel Guy, presidente do xurado de Jeunes Talents Cirque Europe.

Ademais, catro mestres galegos apoiarannos á hora de abordar as diferentes disciplinas vinculadas ao novo circo como xénero escénico: a directora teatral Cristina Domínguez e os coreógrafos e bailaríns Vicente Colomer e Jaime P. Díaz –da compañía Nova Galega de Danza– e Bárbara Monteagudo impartirán senllos obradoiros de voz, danza tradicional e butoh.

Doutra banda, e coincidindo coa actuación en Galicia da prestixiosa Merce Cunningham Dance Company como parte da programación do Xacobeo 2010, os participantes terán a oportunidade de asistiren o día 24 a unha master class a cargo de Robert Swinston, director de coreografía da compañía norteamericana dende 1992. A sesión, organizada en colaboración co Centro Coreográfico Galego e coa S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, desenvolverase na sala de ensaios da nave da Agadic.

Este programa formativo complementaranse con dous debates abertos tanto ao resto de artistas interesados —calquera que sexa a súa disciplina— como ao público xeral. Fred Cardon, director do JTCE, dirixirá a primeira mesa redonda, que terá lugar o xoves 24 de xuño ás 20.00 horas baixo o título A nova creación en Europa e o dispositivo Jeunes Talents Cirque Europe. O segundo debate –As estéticas do circo contemporáneo en Francia– celebrarase o venres 25 de xuño ás 20.00 h con Jean-Michel Guy como moderador. En ambos casos, a entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade do Salón Teatro.

Programa de exhibición

En canto ao programa de exhibición de Circo Europa, o Salón Teatro acollerá os espectáculos Rúa Aire da compañía galega O Retrete de Dorian Gray (martes 22, ás 21.30 h) e Mi otro yo da formación hispano-belga Doble Mandoble (sábado 26 e domingo 27, ás 21.30). En Rúa Aire, Marcos “PTT” Carballido e Ezra Moreno constrúen todo un universo de suspense e misterio a partir de marionetas feitas con globos, segundo a técnica de manipulación de monicreques inchables que eles mesmos inventaron. A entusiasta acollida por parte de público e crítica dende a súa estrea avalan unha montaxe que ofrece un novo xeito de entender o teatro de obxectos.

O segundo dos espectáculos da carteleira de Circo Europa, Mi otro yo, chega da man dos xemelgos españois afincados en Bélxica Luís Javier e Miguel Angel Córdoba Pelegrín, da recoñecida compañía Doble Mandoble. Na súa montaxe fusionan maxia, acrobacia e teatro xestual para propoñer unha viaxe a través do «espello da identidade». Máis ca unha demostración de efectos de maxia, trátase de pór estes efectos ao servizo dun teatro visual orixinal, divertido e, ao tempo, absurdo e poético.

Gran festa do circo

A primeira edición do Encontro Jeunes Talents Cirque Europe pecharase o martes 29 de xuño ás 21.30 h cunha gran festa do circo dirixida pola asociación Pistacinco no Salón Teatro. Participarán nela artistas locais e parte dos creadores europeos convidados ao encontro, entre eles os integrantes de Duelirium e Circo Expreso, as dúas formacións galegas clasificadas respectivamente entre as finalistas e vencedoras do programa JTCE 2009-2010. Na xornada do luns traballarán conxuntamente para ensamblar os números de circo da que será a I Circo Europa Party arredor dunha temática clara: Compostela como punto de encontro europeo.

Entradas

As entradas para os espectáculos Rúa Aire e Mi otro yo, así como para a I Circo Europa Party, poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, que permanecerá aberto os días de función a partir das 19.30 h. Tamén poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xove e desempregados), e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Cultura