As artes marciais teñen unha cita o primeiro fin de semana de Setembro en Vilalba

As artes marciais teñen unha cita o primeiro fin de semana de Setembro en Vilalba

09 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O 3, 4 e 5 de setembro, Vilalba acollerá un dos principais eventos das artes marciais en Galicia e ao que acudirán grandes mestres de diversas disciplinas e países. A IX edición do Galibudo, organizado polo club Moo Duk Kwan da capital chairega, foi presentado hoxe na Deputación Provincial de Lugo, que, a través da súa área de deportes apoia unha cita que xa é obrigada para aqueles que practiquen algunha das variedades das artes marciais. Os enc

O propio Veiga foi o encargado de abrir o acto ao recoñecer o “apoio que a área de cultura e deportes da Deputación ofrece a eventos coma este, que conta cun bo número de participantes cada ano, posto que son 200 os que se citarán en Vilalba para practicar estas formas de loita”.

O delegado provincial incidiu na importancia de “consolidar citas coma o Galibudo, xa que goza de moito prestixio e conta con moitos practicantes en Lugo, ademais de ser unha boa representación da variedade deportiva desta provincia”.

Tres días de actividades

Foi o director da Escola Moo Duk Kwan o que explicou o desenrolo do Galibudo 2010, que contará con mestres de diferentes nacionalidades, xa que virán importantes persoeiros das artes marciais de países como Portugal, Estados Unidos ou incluso desde Corea.

As actividades comezarán o venres 3 de setembro coa recepción dos mestres, así como unha reunión do Circuíto Internacional "Amigos de las Artes Marciales" que precederá á cea de benvida.

Para o sábado se reservará a parte técnica, na que terá un especial protagonismo un dos pioneiros do judo en España, Paco Gómez, que foi membro do equipo olímpico que participou nas olimpíadas de Tokío 64. Ademais de Gómez amosarán os seus coñecementos o mestre portugués Luciano Moura e o compostelán Francisco Paredes. Para a tarde está reservada unha charla coloquio sobre diversos aspectos da cultura das artes marciais na Casa da Cultura de Vilalba.

O último día haberá tempo para poder aprender unha nova disciplina, o Kouk Sun Do, que busca a plenitude do home a nivel físico e mental. O encargado de impartir esta clase maxistral será o Gran Mestre coreano Chong Sung Kim Choi.

Evento cultural

Na súa alocución, Montes incidiu nos obxectivos do Galibudo, que tenta “ir mais alá de ser un seminario teórico, senón que pretende ser un punto de encontro para aquelas persoas que practiquen as artes marciais, independentemente do seu nivel físico e da súa condición física, senón que é un fórum onde compartir experiencias con outros compañeiros”

Ademais, segundo Antonio Montes, este evento “é unha cita coa cultura doutros países como a china, a xaponesa ou a coreana, o que nos permitirá coñecer mais polo miúdo as súas formas de pensar e actuar”.

Deportes