Atropelo mortal en Neda

Atropelo mortal en Neda
05 de Outubro, 2022 - 10:15 h. | Publicada por Radio Fene

Un peón faleceu a primeira hora da mañá en Neda ao ser alcanzado por un vehículo cando cruzaba a vía á altura da saída da autoestrada. O alcalde de Neda Ángel Alvariño reiterou en Radio Fene a necesidade de circular con elementos reflectantes especialmente nas horas de visibilidade escasa.

ESCOITA O PODCAST:

O alcalde de Neda reclama máis medidas de seguridade vial

http://173.255.131.18/audio/051022ALVARINO.mp3

O atropelo tivo lugar contra as 7:30 horas no quilómetro 2 da estrada autonómica AC-115, ao seu paso polo concello de Neda. Segundo informou a Radio Fene o alcalde de Neda, Ángel Alvariño, que se achegou ata o lugar do suceso, o falecido é un home maior, de 80 anos, veciño do Puntal, que adoitaba saír andar para facer exercicio. O alcalde lamentou o suceso e pediu melloras na seguridade viaria nas estradas, ademais de facer un chamamento aos peóns para que adopten todas as medidas de auto protección como o uso de elementos reflectantes que os fagan visibles aos condutores. Tan pronto se tivo noticia do suceso, os servizos de emerxencias desprazáronse ao lugar dos feitos, pero os servizos sanitarios so puideron confirmar a morte do peón. Ademais da ambulancia, o 112, que foi quen recibiu a chamada feita por un particular, mobilizou á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil de Neda. Tamén informou aos Bombeiros de Ferrol e ao GES de Mugardos, que non chegaron a intervir. Os servizos funerarios trasladaron o corpo ao Hospital Naval de Ferrol onde lle realizarán a autopsia.

 

Fotografía: Xan Xe



 

Sociedade

Publica o teu comentario agora