A aula de Ecoloxía Urbana continúa coa súa actividade na época estival

A aula de Ecoloxía Urbana continúa coa súa actividade na época estival

12 de Xullo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ferrol informa de que a Aula de Ecoloxía Urbana do parque municipal Raíña Sofía mantén abertas as súas portas durante estes meses de verán co obxectivo de que os  máis pequenos tomen conciencia da importancia que ten o coidado do noso entorno natural.

Así, ate o vindeiro 30 de setembro a Aula abrirá todos os días de martes a domingo, en horario de mañá e tarde: De 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas. Os nenos que se acheguen a estas instalacións poderán coñecer, a través dunha exposición didáctica feita a base de paneis e audiovisuais, os efectos perxudiciais para o medioambiente que ten o crecemiento das cidades, o incremento dos niveis de contaminación ou a disminución de recursos básicos como a auga, entre outros. Neste sentido, a mostra convida a un consumo responsable e fomenta unha actitude proteccionista co medio natural.
Pero, ademais desta exposición permanente, a Aula de Ecoloxía Urbana tamén  organiza diariamente, preferentemente polas tardes, un obradoiro sobre a reutilización de refugallos. Esta actividade está dirixida especialmente a nenos de entre 6 e 12 anos. Trátase de aproveitar plásticos, envases, cortizos ou botellas, entre outros elementos, para facer manualidades.

Sociedade