A banda ancha do Camiño a Santiago de Compostela

A banda ancha do Camiño a Santiago de Compostela

13 de Febreiro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

"Historias ao longo do Camiño" é unha proposta cultural que pretende revitalizar e dotar de contido o Camiño Inglés a Santiago de Compostela. O sábado 14 e o domingo 15 de marzo levaránse a cabo entre Ferrol e Compostela, representacións teatrais, comidas medievais e iniciativas de pintura e fotografía.

A Sala de Exposicións da Autoridade Portuaria de Ferrol acolleu a presentación de "Historias ao longo do Camiño" a cargo da Asociación Cultural e Artística Ti e Máis Eu Teatro, unha actividade que pretende levar as visitas teatralizadas ao Camiño Inglés por medio de sketchs teatrais nos Concellos colaboradores de Fene, Pontedeume e Betanzos, e que levarán a cabo os días 14 e 15 de marzo.

Ademais da ruta turística, da que se pode consultar toda a información na páxina www.tiemaiseuteatro.com, desenvolveranse unha serie de actividades englobadas no mesmo evento, como son un almorzo, comida e cea temáticas e o "I Certame de Pintura e Fotografía Camiño de Santiago, O Camiño da Arte" xa aberto e do que se poden consultar as bases na páxina web da Asociación.

Ao acto asistiron os responsables de Turismo dos Concellos, o Alcalde do Concello de Fene e diversos membros das outras entidades colaboradoras, Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, Hotel Carrís Almirante, AAVV San Ramón de Sillobre e Asoc. Artístico-Cultural Mesturas. Todos os asistentes destacaron a importancia das Asociacións Culturais e este tipo de iniciativas para dinamizar o Camiño Inglés e para conseguir que os peregrinos non só pasen correndo polas localidades do Camiño, senón ofrecer actividades culturais e atractivas para que visiten os recursos turísticos que non están exactamente no Camiño, senón pegadas a el, "a banda ancha do Camiño" como a definiu o Alcalde de Fene, Gumersindo Galego.

Sociedade