Beiras pide un movemento sen cancelas

Beiras pide un movemento sen cancelas

20 de Xuño, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

"Non temos garantias da duración do goberno de Rajoy máis alá dun ano" afirmou esta mañá en roda de prensa o dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras. O histórico lider fixo un chamamento á cidadanía, á "masa crítica da esquerda" para participar na configuración dun movemento "que aglutine á pluralidade cidadá e fuxa das direccións clásicas dos partidos". Beiras

O autor de "O atraso económico de Galicia" explicou as características que, ao seu parecer, debe reunir o Novo Proxecto Común que celebrará asemblea constituinte o 14 de xullo. "Algo que resulte atraente, non só para a xente que levamos militado en organizacións determinadas, sexa o BNG ou outras, ou cidadáns organizados en grupos máis pequenos", é o que Beiras agarda do novo referente, "para que non derive en algo análogo ao que se entiron defraudados eses continxentes de masa crítica da esquerda e non nos confinar nunha disputa por un espazo xa existente".

No seu discurso, Xosé Manuel Beiras negou que o nacionalismo estea en crise na "sociedade". "Non ten menos vixencia ou menos forza como movemento social, a conciencia da identidade, non está menos forte que hai 10 anos, o que hai é moita xente que atopaba nunha organización política frentista a referencia e que moita desa xente chegou á conclusión de que non é así", analizou.

Dito isto, afirmou que "hai moita máis crise na socialdemocracia" que no nacionalismo galego. "Hai máis crise no PP, que andan a hostias uns e outros, e onde señores como Mariano Rajoy, o señor dos 'hilillos' son vistos como monigote por poderes de fóra, tanto políticos como financeiros... O que pasa é que dunha crise se fala, porque claro, e doutras fálase porque claro", manifestou Beiras, quen criticou que "esa dereita patrioteira agora lle está a poñer o cu aos poderes da troika".

Beiras fixo dous chamamentos para traballar por ese proxecto común; un ao conxunto da militancia e outra aos cidadáns que están "nunha ou noutra óptica" nacionalista. "Hai cofluencias e ten que ser entre os cidadáns pero ese diálogo entre grupos ten que continuar tamén", engadiu. "Hai que sumar e non entrar en disputas sobre os espazos políticos". E é que o gran temor de Beiras é que se repita o do 82 e o nacionalismo se esfarele en varios grupos. "Para evitalo temos que falar e entendernos". Iso si, insistiu en que ese diálogo ten que ser de abaixo cara arriba e que a ferramente política non debe de ser un partido."Non imos perder o tren das eleccións autonómicas, con independencia daquilo para o que poidan valer" concluiu Xosé Manuel Beiras.

Sociedade