Cando Astano facía bacalladeiros

Cando Astano facía bacalladeiros

03 de Xaneiro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O esgotamento dos caladoiros do Gran Sol, pola sobreexplotación que seguíu á  Segunda Guerra Mundial, porá de novo a proba á empresa Astano, ao entrar nunha fonda crise o mercado de barcos de pesca. O estaleiro diversificóu entón a súa produción contratando en 1949 boniteiros, bacalladeiros e buques de carga de tamaño medio. En 1951 Astano dobraba o capital de 1944. Adoptáronse medidas para garantir a continuidade product

    As empresas galegas empezaron a pescar en bancos máis afastados, como o  canario- sahariano, e intensificaron a súa presencia en Terranova -cun maior negocio para Pysbe, por iso Astano veráse obrigada a ampliar o tamaño dos buques que constrúe. Os tres primeiros cargueiros contrataránse en 1963.

    A primeira modernización forte da empresa iniciárase xa en 1953 cando Astano obtivo a concesión das marismas do lado este e merca a ostreira. Constrúese o dique número un de 160 metros de eslora por 24 de manga e capacidade para barcos de 15.000 toneladas, amplíase o obradoiro de fundición e a grada sete, e acométese un novo obradoiro de maquinaria de 2.688 metros cadrados.

    A mediados dos cincuenta agudízase a caida da demanda de barcos de pesca e estúdanse novos segmentos de produción. A oferta do estaleiro enfócouse a unidades de carga xeral e de transporte de combustible. Entregouse o primeiro petroleiro, o Ave (NC-131) ao armador North Bulk Carriers, en 1958.
    A ampliación da factoría continúa para poder recibir encargos de maior tonelaxe e  dese xeito reducir costes. Construíronse dúas gradas de 160 metros de eslora por 40 de manga, que logo serán sucesivamente ampliadas, ata alcanzar unha delas, 337 por 58 metros.

    A concesión de préstamos navais era lenta e insuficiente e iso provocou que se perdese un contrato de dous barcos de 30.000 toneladas que, entre outras cousas, permitiría poñer a proba as modernizadas instalacións. Créase o departamento comercial que atendía ao mercado da construción e a reparacións.  En 1962 o goberno de Franco liberaliza o comercio exterior e Astano xa pode competir no mercado internacional de barcos. Un armador grego contrata o cargueiro Artemission, de 27.800 toneladas de peso morto. A súa botadura realízase en 1963, ano no que se constrúe un novo dique seco de 250 metros de eslora.

    En 1964 contrátanse dez novos buques, petroleiros e cargueiros, entre eles o Ildefonso Fierro de 60.000 toneladas. O Plan de Desenvolvemento dese ano pretendía poñer os estaleiros en situación de competitividade con outros paises, e marcaba os obxectivos de fomentar a exportación e conseguir o aumento de pedidos do interior, xunto con medidas fiscais e arancelarias beneficiosas para o sector e préstamos destinados a  modernizar instalacións. O Plan quedou nun brinde ao sol, ao non conceder todas as axudas prometidas e demorarse moito na entrega dos cartos. Aínda así, permitirán a ampliación da grada dúas ata os 46 metros, a construción do peirao 9 e a colocación de novos guindastres.

    As circunstancias internacionais favoreceron o aumento da tonelaxe dos buques. A guerra dos Seis Dias estoupa en xullo de 1967 e Exipto pecha o canal de Suez, que tardará sete anos en abrirse.  A comunicación entre Europa e o Océano Índico obrigaba a bordear África. Neses anos o crecemento económico do vello continente e Estados Unidos demanda cada vez máis petróleo, e as compañías encargan as grandes naves para reducir custes en travesías prolongadas. (continuará)

Sociedade