Cando Aurora matou a Hildegart

Cando Aurora matou a Hildegart

02 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Aurora Rodriguez Carballeira matou á súa filla Hildegart en 1933. Proxectara unha supermuller e matouna por desobedecela. A sona das dúas aumentou como consecuencia dese final tráxico. Con outras mulleres ferrolanas protagonizan a mostra Ferrol en Femenino.

A concelleira de Muller, María López, anunciou esta mañá que a Exposición Ferrol en Femenino. Mulleres na Historia da Cidade poderá visitarse durante o mes de agosto na Casa da Muller, de luns a venres e en horario de 11 a 14 horas. A entrada é libre e gratuíta. Así mesmo, todos os xoves do mes, ás 12 horas, organizaráse unha charla sobre a mesma con carácter participativo, onde se dará cumplida resposta ás dúbidas e preguntas dos cidadáns e cidadás que previamente visiten a mostra. Doutra banda, e para aqueles que non poidan desprazarse ata as instalacións da rúa Lugo, nº 56, o Concello pon á súa disposición na web municipal (http://www.ferrol.es/documentos/ruta_mulleres.pdf) a publicación Ferrol en Femenino, onde se recolle a historia das preto de 300 mulleres que, ao longo dos anos, construíron cidade.

Así mesmo, María López lembrou que a Oficina Municipal de Turismo da rúa Magdalena ofrece a Ruta Ferrol en Femenino dentro da oferta turística deseñada polo Concello. Con ela, veciños e visitantes poderán coñecer os barrios de Ferrol Vello e A Magdalena a través da historia de centos de mulleres, anónimas e recoñecidas que, día a día, construíron cidade. Unha ruta única en España que, sen dúbida, constitúe un novo motivo para visitar Ferrol.

A ruta parte do peirao de Curuxeiras, no entorno da coñecida fonte da Ranita. Nese punto, traeráse ao presente a historia da Raíña Mariana de Neoburgo, no século XVII, e o día a día das carboneiras e cargadoras do porto. Mulleres que, no seu tempo, facían o traballo que hoxe en día fan as grúas, asumindo incluso o transporte de persoas dende os barcos nos que chegaban á cidade e para non mollarse cando as embarcacións fondeaban na Ría. A guía especializada que acompañará á expedición destaca neste punto a figura de Mela a Carboeira, xulgada e encarcelada por encabezar unha protesta.

A ruta toma dirección a San Francisco para facer un alto nos Xardíns de Herrera, fronte ao monolito que noutrora fora a fonte de Churruca. Unha parada para pór de manifesto o papel fundamental que xogaron as augadoras, tanto no suministro como na extinción de incendios. Tamén para destacar o papel das lavandeiras.

A terceira parada realízase na rúa Magdalena, que esconde a historia de Aurora Rodríguez Carballeira, máis coñecida por ter sido a nai de Hildegard Rodríguez, unha nena prodixio concebida pola súa nai como supermuller e que tristemente pasou á historia polo seu tráxico final.

Sociedade