Chamada de atención pola igualdade plena

Chamada de atención pola igualdade plena
06 de Abril, 2021 - 06:00 h. | Publicada por Radio Fene

Fixeron falla tres semanas de traballo e a colaboración desinteresada dunha decena de artistas de Fene e do resto da comarca para levar adiante o mural co que este ano a Concellaría de Benestar e Igualdade quixo celebrar o Día da Muller. A obra, xa rematada, pode admirarse en San Valentín, xusto diante das instalacións dos Servizos Sociais, e nela dase unha visión colectiva de ata que punto a sociedade se constrúe e se sostén en feminino.

O deseño cobre case 40 metros do muro de contención inferior da avenida das Pías, dividido á súa vez en pequenos tramos para representar escenas protagonizadas por mulleres en distintas situacións da vida diaria.
 
Cun estilo premeditadamente naïf móstranse mulleres traballadoras do metal, mulleres atendendo negocios, mulleres do mar e labregas, mulleres creativas e creadoras, mulleres ensinantes... e mulleres que desde o ano pasado veñen afrontando a pandemia desde Sanidade e os servizos asistenciais, pero tamén soportando aínda máis sobrecargas familiares.
 
"O mural testemuña a realidade actual, pero todos os motivos que se reflicten nel son unha chamada de atención sobre os cambios que aínda se deben producir para alcanzar unha igualdade plena, tal e como debe ser e tal e como recolle o 5º dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU cos que o Concello de Fene está comprometido", comenta a concelleira da área, Mari Carmen Martínez, quen tamén quixo agradecer desde a Administración local "a colaboración desinteresada de todas as artistas de dentro e fóra de Fene que fixeron posible esta obra".
 
Na iniciativa implicáronse  Dolores Fernández, Saila Chao, Dulce Anca, María Carmen García, Marta Barro, Oliva Yañez, Eva Seoane, Alicia Puentes e Nicole Manteiga. Durante as últimas tres semanas foron enchendo ocos do seu tempo libre pasando por San Valentín para construíren entre todas unha mensaxe colectiva "de empoderamento feminino" que, de feito, foi a principal acción programada polo consistorio con motivo do 8M, Día Internacional da Muller.

Institucional

Publica o teu comentario agora