Cidades e pobos que alimentan

Cidades e pobos que alimentan
06 de Outubro, 2022 - 01:58 h. | Publicada por Radio Fene

Castellón acolle ata este venres 7 de outubro o encontro estatal da Rede de Municipios pola Agroecoloxía, ao que asiste Cristina Cid, alcaldesa de Allariz. Trátase dun espazo para poñer en común unha folla de roteiro que garanta o acceso a alimentos sostibles e saudables a toda a poboación á vez que reduce o impacto do noso sistema alimentario no cambio climático. 

“Dende Allariz pensamos que son imprescindibles estes espazos como pode ser o Mercado da Reserva en Allariz, para fomentar o consumo de produtos de calidade, de km 0, que asenten poboación no rural e ademais creen postos de traballo”, explica Cristina Cid. O encontro titulado “Mellorar a nosa alimentación para mellorar o lugar en que vivimos” conta con talleres sobre compra pública sostible, distribución e loxística ou dereito á alimentación. Ademais, presentaranse os resultados do Informe sobre políticas alimentarias, reto demográfico e transición agroecolóxica e celebrarase unha mesa redonda dedicada a pensar boas prácticas en políticas agroalimentarias como instrumentos para abordar o despoboamento. Nela participarán Jaime Izquierdo, Comisionado para o Reto Demográfico no Goberno do Principado de Asturias, Itziar Biguri, Alcaldesa de Orduña, Cristina Cid, Alcaldesa de Allariz, César Álvarez, Alcalde de Vegadeo e Ramón Lara, Director Xeral de Consumo e Axenda 2030 da Xunta de Comunidades de Castela A Mancha. As xornadas concluirán coa primeira edición de premios pola agroecoloxía denominada Cidades e Pobos que Alimentan, unha convocatoria única en todo o territorio convocada polo Consello de Organizacións Sociais da Rede que servirá para visualizar as mellores prácticas e políticas por unha alimentación sostible.

Institucional

Publica o teu comentario agora