A CIG esixe que a Xunta exerza de goberno

A CIG esixe que a Xunta exerza de goberno

30 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

“Queremos carga de traballo propia”. Con este obxectivo os delegados de persoal e comités de empresa da federación da CIG-Metal, mobilizarase este mércores 1 de xuño en Compostela. Tras unha asamblea na Facultade de Dereito sairán polas rúas de Santiago en dirección a San Caetano onde rexistrarán un escrito en “defensa do sector naval e do emprego”.

O secretario comarcal da CIG-Metal, Vicente Vidal, reclama que os partidos políticos e o goberno autonómico e central se comprometan a facer investimentos para os estaleiros da ría.

No manifesto, que presentarán ante a Consellaría de Economía e Industria, esixiranlle á Xunta que demande ao Goberno Central unha serie de medidas. Esixen a implicación do executivo de Zapatero en política comercial, a implantación de bens de equipo para impulsar a área de reparacións e a elevación ás representacións europeas do levantamento do veto a Astano. Segundo o secretario de organización da Confederación Intersindical Galega, Ramón Afonzo “as solucións de futuro pasan pola organización da industria auxiliar para rebasar o límite do 20 por cento de facturación imposto ao estaleiro de Fene”.

Afonzo tamén destacou a importancia da construción dun novo dique na antiga Astano. “Unha decisión que garantiría un número importante de horas de traballo e consolidaría o negocio das reparacións”, explicou. Un requerimento que tamén se fará constar no documento que presentarán este mércores nas dependencias da consellaría.

Sociedade