Cine, música, teatro e deporte para o Nadal de As Pontes

Cine, música, teatro e deporte para o Nadal de As Pontes

21 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Nadal comeza mañá no Concello de As Pontes. Non o fai tan só por ser o día da lotería, rito inaugural en case que todas as casas galegas, senón porque dará comezo o seu programa cultural especial de Nadal. Será a Rondalla Vila de As Pontes a encargada da apertura oficial das festas, a partir das 20.00 horas, na Casa Dopeso. Alí, sacarán todo o seu bo facer para que pequenos e maiores desfruten das panxoliñas e temas típico

Para a xornada do mércores, a concellería de cultura desenrolou un día no que o protagonismo será para a música e o teatro infantil. Ás 18.00 horas visitará a biblioteca municipal a compañía a Loca-Motora coa súa montaxe Carlota e Marieta van en Avioneta. Esta formación, nada en 2002 da man de Eva María Vila e Zezilia Meléndrez, regresa a As Pontes cunha nova aventura tras presentar no municipio montaxes coma “O tenderete da cachifallada” ou “Carlota e Marieta dan a volta ao planeta”. Nesta nova montaxe, os personaxes de Carlota e Marieta viaxarán nas súas avionetas para coñecer outras partes do mundo, concretamente ao continente africano, onde aterrarán e farán protagonistas aos pequenos que se sumen a esta cita de multitude de contos e cancións sobre o continente negro. A entrada a esta actividade tamén será libre.

 

Pero as actividades do mércores non rematan aquí, senón que a partir das 19.00 horas, na Casa Dopeso será posible participar nunha clase aberta da escola municipal de acordeón, na que os alumnos desta disciplina poderán dar conta dos seus progresos. Un pouco máis tarde, ás 20.30 horas, e tamén no escenario da Casa Dopeso, terá lugar un combo de música moderna no que participarán os alumnos das escolas municipais de batería, baixo e guitarra.

Tralo parón da Noiteboa e o Nadal, na fin de semana retomaranse as actividades a través do programa de Cine de Nadal e que permitirá que o público, tanto adulto coma infantil, ollarán recentes estreas cinematográficas. O sábado, ás 18.00 horas, proxectarase o filme infantil “G-Force”, que tamén se programará o domingo, pero ás 17.00 horas. A sesión adulta virá protagonizada pola última incursión cinematográfica de Alejandro Amenábar, “Ágora”. As proxeccións deste filme están programadas para ás 20.00 horas, o día 26, e as 19.00 horas, o domingo 27, todas elas no Auditorio Municipal Alovi.

 

A oferta de ocio tamén se completa con deporte, xa que o sábado 26, no pavillón polideportivo municipal, celebrarase o Día do Baloncesto. Nesta actividade haberá diferentes encontros, desde as 11.00 horas, entre os alumnos da escola municipal de Baloncesto e os da escola municipal de Narón. Xa ás 18.00 horas, os integrantes do Clube de Baloncesto As Pontes mediranse a un equipo formado por xogadores veteranos deste conxunto.

Sociedade