A Comisión Provincial de Vivenda aprobou a lista definitiva firme de adxudicatarios de 24 vivendas de promoción pública construídas en Meira

A Comisión Provincial de Vivenda aprobou a lista definitiva firme de adxudicatarios de 24 vivendas de promoción pública construídas en Meira

09 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Comisión Provincial de Vivenda aprobou a lista definitiva firme de adxudicatarios e de espera das 24 vivendas de promoción pública construídas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en Meira (Lugo), ubicadas na rúa Avelino Díaz.

Adxudícanse 23 das 24 vivendas construídas, quedando unha vacante para a súa posterior adxudicación. Das 23 vivendas adxudicadas 14 son en réxime de compravenda e 9 en réxime de alugueiro. A normativa establece que é obrigatoria a adxudicación en réxime de alugueiro cando os ingresos familiares non superan 1,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem)

A lista definitiva firme permanecerá exposta dende hoxe e durante un mes na web do IGVS (http://igvs.es/web/actuamos/adxudicacion-sorteos-vpp) e no taboleiro da xefatura provincial do IGVS en Lugo. Con esta lista remata a tramitación administrativa da mesma, polo que non caben reclamacións nin recursos administrativos, quedando aberta a vía do recurso contencioso-administrativo para os interesados que se consideren prexudicados.

Tódalas vivendas dispoñen de tres dormitorios, ademais de cociña, baños, salón de estar comedor e tendedeira. A superficie útil oscila entre os 80 e os 82 metros cadrados. Ademais cada vivenda conta cunha praza de garaxe e un rocho.

As vivendas dispoñen de carpintería exterior de aluminio lacado con dobre cristal, carpintería interior en madeira vernizada, parqué flotante e plaqueta no chan, alicatados con azulexo e calefacción e auga quente por gas.

O investimento total realizado polo IGVS na construción destas 32 vivendas acadou os 1.751.990,00 euros.

Sociedade