Conciliando na Semana Santa

Conciliando na Semana Santa

11 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

Coa chegada da Semana Santa o Concello de Ordes organiza, a través da concellería de Educación, Mocidade e Discapacidade, que dirixe a concelleira Silvia Marín, unha nova edición do programa “Conciliar será fácil e divertido”.

Trátase de actividades dirixidas aos pequenos do municipio nas mañás das vacacións, co fin de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das familias ordenses, á vez de que os nenos e nenas participantes teñan un tempo de diversión e ocio con xogos e obradoiros. 

As actividades terán lugar os días 18, 19, 20 e 25 de abril en horario de 9 a 14 horas. Poderán participar nestas actividades os nenos e nenas escolarizados en educación infantil ou primaria no curso 2010/2011. A inscrición deberá realizarse no departamento de Educación, situado na planta baixa do Concello de Ordes, dende o vindeiro luns 4 de abril ata o día 12 do mesmo mes. 

Non é a primeira vez que se leva a cabo este programa de actividades de conciliación, que ademais de celebrarse na Semana Santa tamén organiza o Concello de Ordes noutras épocas de vacacións escolares como o Nadal e o verán. Tal e como explicou a concelleira, Silvia Marín, con estas actividades “procuramos que as familias ordenses poidan deixar aos seus pequenos durante as mañás de vacacións, facilitando a conciliación co traballo, e ao mesmo tempo facendo que se divirtan compartindo con outros nenos e nenas da súa idade xogos e obradoiros”.

Para máis información pódese chamar aos teléfonos 981680002 ou 981680157.

Sociedade