A Confederación Hidrográfica do Miño e o Concello de Rábade mellorarán o entorno do Miño

A Confederación Hidrográfica do Miño e o Concello de Rábade mellorarán o entorno do Miño

24 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello de Rábade chegaron a un acordo para mellorar o entorno do Miño ao seu paso pola vila chairega. O alcalde do municipio, Francisco Fernández, e o presidente da citada confederación, Francisco Liñares, anunciaron o compromiso despois de inspeccionar a zona en compañía do senador Luis Ángel Lago Lage e do

O proxecto, ao que aínda lle resta a súa definición técnica por parte dos especialistas do Concello e da Confederación, terá como puntos principais a rehabilitación das marxes do río, o dragado do mesmo, así como a plantación de árbores autóctonas como alisos, ameneiros, abedules ou freixos.

A inversión da obra correrá a cargo do Fondo Estatal para a Promoción do Emprego e da Economía da institución presidida por Liñares e roldará os “300.000 ou 400.000 euros”, segundo se desprendeu das declaracións do mandatario lucense.

O prazo de licitación é curto, polo que o proxecto debe estar definido para abril, mes no que se licitarán as obras,que poderían dar comezo nos meses de verán, para rematar a rehabilitación e o espazo de ocio para finais desta estación ou comezos de outono.

“O tempo estimado é de poucos meses. Debemos telo contratado en catro ou cinco meses para poder comezar a traballar no tempo de verán, onde se faría o dragado do río, que sería a parte da obra mais custosa. Cara final de verán ou no outono estaría rematada, xa que ten un período de execución de 3 ou 4 meses, en condicións normais de bo tempo”, estimou Francisco Liñares.

Os terreos onde se instalaría esta área recreativa son propiedade municipal, agás unha finca duns 600 metros cadrados, pero que o concello desexa adquirir e para o que xa comezaron as negociacións.

O obxectivo é crear unha zona de ocio para, en palabras do alcalde de Rábade, Francisco Fernández, “conseguir que a xente deixe de vivir de costas ao río e que o valoren como debe, o que permitirá axudar á súa protección”. Fernández tamén admitiu a importancia do fondo Estatal, co que a obra “se pode levar a cabo nuns prazos que antes eran impensables”.

Ademais, os representantes do concello tamén anunciaron a realización de dúas actuacións máis no entorno, que serían a edificación dunha piscina e o soterramento dos cables de alta tensión que pasan pola zona.

Sociedade