A confraría de Ferrol estuda a creación dunha empresa evisceradora propia

A confraría de Ferrol estuda a creación dunha empresa evisceradora propia

28 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A falta de compradores fai que teña que rematar a campaña de recollida de vieira na ría de Ferrol. A empresa que se ocupa da evisceración do bivalvo, non pode adquirir xa máis produto porque no logra darlle saída. Deste xeito, a pesar de que hai vieira e de calidade, parece que terá que rematar a campaña, cando menos, ata marzo. Por isto, desde a confraría de Ferrol pénsase na posibilidade de crear unha compañía evisceradora

A evisceradora é necesaria para poder dar saída á vieira porque é a que se encarga da limpeza das vísceras, nas que se atopa a toxina. Despois da recollida e depuración, o bivalvo pasa á evisceradora, onde se elimina a parte non comestible do mesmo, para chegar logo en perfectas condicións ao consumidor.

En Galicia hai só dúas empresas evisceradoras, e a creación dunha terceira ne Ferrol permitiría dar máis saída á vieira e facer fronte a pedidos de pequenas dimensións.

Así, a primeira campaña de vieira 2011 na ría de Ferrol ten durado seis xornadas, dúas a semana pasada e catro nesta. En total, extraéronse 9.000 quilos do bivalvo que foi pagado a 3,50 euros o quilo.

Sociedade