Contra a perda de dereitos

Contra a perda de dereitos
04 de Novembro, 2022 - 02:38 h. | Publicada por Radio Fene

Fixeron soar as súas voces de protesta as traballadoras do sector de axuda a domicilio. Esta mañá, en Fene. Están en folga indefinida desde principios de mes. Reclaman que se cumpra o convenio colectivo, que lles apliquen a suba salarial do IPC, como está pactado e que se respecten outros acordos como o referido á xornada, e rexeitan o cambio do convenio que lles faga perder dereitos. 

ESCOITA O PODCAST:

Son máis de 600 persoas as afectadas na comarca e máis de 6.000 en Galicia, a maioría mulleres. “O 99,9% son mulleres, é un sector moi feminizado e pouco recoñecido”, explica o sindicalista Francisco  Xabier Cartelle, secretario comarcal da CIG Servizos de Ferrol. Están en folga indefinida desde primeiros de mes e esta mañá concentráronse diante do Concello de Fene, dentro do calendario de protestas que están a levar a cabo. Atenderon unha convocatoria feita pola CIG que censura os incumprimentos por parte da patronal e, máis aínda, o preacordo asinado polos sindicatos CCOO e UGT. Cartelle declarou a súa indignación porque dous sindicatos acepten a perda de dereitos adquiridos. “Hai indignación no sector polo  preacordo asinado que se carga a cláusula de revisión do IPC, incluso se crea unha dobre escala salarial co que habería auxiliares que cobren distinto, segundo o concello no que presten o servizo”, manifestou o dirixente sindical. “Ninguén se explica como poden ter asinado un preacordo salarial que é peor, porque se non se asinara as traballadoras automaticamente terían o incremento do IPC real”

Sociedade

Publica o teu comentario agora