Convenio de colaboración para o mantemento do tramo ferrolán do Camiño Inglés

Convenio de colaboración para o mantemento do tramo ferrolán do Camiño Inglés

31 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, asinou un convenio de colaboración co director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos Cidrás, a través do cal a Administración local efectuará tarefas de mantemento no treito do Camiño de Santiago, Camiño Inglés, que discorre polo termo municipal de Ferrol e que abrangue un percorrido de 6,36 quilómetros. Estas tarefas consistirán, fundamentalmente, no desbroce da maleza po

Estes traballos realizaranse de maneira continua ao longo do tempo de vixencia deste convenio –que rematará o 31 de decembro de 2011- e coincidirán coa temporada de verán, cando se incrementa notablemente o número de peregrinos cara a Santiago de Compostela. Para estes efectos, a S.A. Xestión do Plan Xacobeo outorga ao Concello de Ferrol unha contía de 2.734,8 euros, que irá destinada á conservación da ruta Xacobea. A este respecto, tal e como se recolle no convenio de colaboración, o Concello de Ferrol adoptará todas as medidas oportunas que eviten o seu deterioro ou destrución respectando en todo momento as medidas de protección que lle sexan indicadas desde a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e desde a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, axustándose ao contemplado na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia e a Lei de Protección dos Camiños de Santiago. Estas medidas executaranse non só sobre a franxa do terreo que constitúe o Camiño en sentido estrito senón tamén sobre as zonas laterais de protección. Así mesmo, as obrigas asumidas polo Concello de Ferrol serán realizadas tendo en conta a importancia histórica das rutas de peregrinación.  

Vicente Irisarri, destacou a importancia deste convenio de colaboración que contribuirá a manter nun bo estado de conservación o Camiño Inglés ao seu paso polo concello de Ferrol, onde ten orixe esta ruta (concretamente no Peirao de Curuxeiras). Neste senso, o rexedor municipal manifestou a intención do Concello de Ferrol de continuar apoiando esta ruta xacobea e devolverlle o esplendor que tiña polo ano 1300, cando se empezaron a ter as primeiras novas deste Camiño, e máis tarde, polo 1600, cando se ten constancia do primeiro hotel de peregrinos na cidade.  

Se ben o Camiño Inglés non é a ruta máis empregada na actualidade por quen deciden peregrinar a Compostela, ten un importante valor histórico e cultural, que se pretende conservar e promover. Este representa diversos beneficios para a actividade turística, comercial, hoteleira e hostaleira da cidade, sen esquecer o seu valor espiritual e seu simbolismo, que é a base que sustenta o Camiño.

Sociedade