Corenta artesáns tomarán parte na I Feira Medieval de Artesanía do barrio de San Valentín

Corenta artesáns tomarán parte na I Feira Medieval de Artesanía do barrio de San Valentín

07 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Panadeiros, queixeiros, ferreiros, plateiros e ata un soprador de vidro participarán neste encontro que se celebrará durante a vindeira fin de semana, coincidindo coa XV Xuntanza de Palilleiras de Ferrolterra.

A Asociación O Tadetas e as alumnas da escola de palilleiras do CPS organizan esta feira da artesania, ademais do encontro de palilleiras, co obxectivo de "dinamizar o barrio e promocionar o traballo dos vellos oficios para que non se perda". Asegurouno a Radiofusión o secretario da entidade cultural, Xosé María Permui, ademais de explicar que "a feira non vai ser unha mera exposición de productos de artesanía senón, en moitos casos, unha mostra ao vivo do traballo dos artesáns".

A primeira Feira Medieval de Artesanía de San Valentín celebrarase o sábado e o domingo, 12 e 13 de xuño, nos arredores do pavillón A Xunqueira. O horario de apertura dos postos será de dez e media da mañá a once da noite. Dende a organización agardan que a cifra de visitantes rexistrada nos últimos anos coa Xuntanza de Palilleiras -entre catro mil e cinco mil persoas- se multiplique nesta edición co atractivo engadido do encontro de artesáns.

Sociedade