De campamento a Vilarbó

De campamento a Vilarbó

02 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Vinte anos cumpren as acampadas intermunicipais na natureza que organiza a Escola de Tempo e Aire Libre Néboa, de Neda. O campamento “Aventura”, dirixido a nenos e nenas de 6 a 11 anos, desenvolverase do 9 ao 16 de xullo, e o “Fortuna”, para rapaces e rapazas de 12 a 17, prolongarase do 17 ao 29 do mesmo mes.

Canoa, xogos acuáticos e medioambientais, tiro con arco, marchas de sendeirismo e obradoiros de artesanía. Son algunhas das actividades programadas este ano dentro das Acampadas Intermunicipais na Natureza que se desenvolverán en Vilarbó, no concello de As Pontes. Segundo Begoña Balsa, directora da Escola de Tempo e Aire Libre Néboa, a proximidade das fragas e do embalse do Eume fai desta área natural un espazo moi apropiado para o desenvolvemento desta actividade na que se procura “que os rapaces interactúen entre sí pero tamén co medio natural”.

Nunha entrevista en Radiofusión, a directiva de Néboa asegurou hoxe que é moi positivo que os rapaces participen en campamentos porque, ademais de fomentar a súa socialización, traballan outro tipo de valores como a tolerancia, a convivencia ou o respecto ao medio ambiente

O vindeiro 4 de xullo pecha o prazo de inscripción no campamento “Aventura” e o día 11 no “Fortuna”. Para apuntar aos rapaces e rapazas cómpre dirixirse a calquera dos concellos colaboradores e patrocinadores destas Acampadas Intermunicipais na Natureza que son: Neda, Ferrol, Valdoviño, Cariño, Malpica e As Pontes.

Sociedade