Defende a Galega recolle o Premio Xosé Couso

Integrantes do colectivo recollen o premio á liberdade de prensa, o venres 3 de maio no Teatro Xofre de Ferrol
02 de Maio, 2019 - 12:26 h. | Publicada por Radio Fene

Hai un ano que xornalistas da RTVG comezaron a vestir de negro todolos venres para denunciar a manipulación informativa e a falla de liberdade no seu traballo. Unha loita sen precedentes nos medios públicos.

Mañá entregase o Premio José Couso, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol. A candidatura gañadora deste ano é “Defende A Galega” o movemento de mobilización dos traballadores dos medios públicos galegos. Os actos comezarán ás 17:45h horas no Concello de Ferrol coa recepción aos premiados por parte do Alcalde. A continuación, os comunicadores da CRTVG, Tati Moyano e Carlos Jiménez, en representación de Defende A Galega, asistirán ás 19:00 horas á tradicional ofrenda floral na estatua ‘Ás Ceibes’ do escultor Manuel Patinha, no Cantón de Molíns onde a xornalista Sabela Direito será a encargada de ler un texto en nome da organización.

Ás 19:30 horas comeza no Teatro Xofre o acto de entrega, que será presentado por Patricia Hermida, onde Moyano e Jiménez, en representación de Defende A Galega, recollerán o galardón e terán unhas palabras para o público presente. Ao remate, como cada ano, vai celebrarse a partir das 20:00 o Concerto da Liberdade, nesta ocasión a cargo do grupo Petit Swing.

A Candidatura:

O 25 de maio de 2018, traballadores e traballadoras da Televisión de Galicia e da Radio Galega comezaban a vestir os venres con camisolas negras, iniciando unhas mobilizacións que están a piques de facer un ano e que se popularizaron a través dos cancelos #DefendeAGalega e #VenresNegros. Con elas, queren chamar a atención sobre a manipulación informativa, o desmantelamento dos medios públicos e as dificultades crecentes para desenvolver o traballo con criterios profesionais. Foi unha loita do persoal, sen precedentes nos medios públicos galegos pola liberdade de intormación, a necesidade de traballar sen presións externas, a defensa do público ou a creación dun Consello de Informativos. Defende A Galega converteuse no símbolo dunha pelexa pacífica e tenaz que agora recibe o premio Xosé Couso na súa XV edición.

Cultura

Publica o teu comentario agora