Deputación de Lugo e ACRUGA financian a nave de recría na Granxa Gayoso

Deputación de Lugo e ACRUGA financian a nave de recría na Granxa Gayoso

09 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O proxecto ten un prazo de execución de 12 meses, que comezaría a partir do verán, que é o momento elixido para comezar as obras, unha vez concluído o proceso administrativo, que tería unha duración de 3 meses. O seguinte paso será para o Concello de Castro de Rei, que terá que dar a licenza de obra e aprobar o proxecto en Xunta de Goberno. Logo da exposición pública será remitido á Consellería de Urbanismo para que este departamento conceda os permisos necesarios para poder executar a obra. Neste proceso non sería necesario obter a declaración de impacto medioambiental da Consellería de Medio Ambiente.

Igual que no Centro de Recría de frisona, neste caso o tratamento dos residuos será integral. Os xurros serán empregados como fertilizantes para cultivos e pastos. Construirase unha foxa para o almacenamento do xurro, que estará impermeabilizada. A foxa baleirarase periodicamente para levar os residuos á pranta de tratamento existente na Granxa. A produción anual do purín prevista é de 2.797 metros cúbicos ó ano, é dicir, unha capacidade semellante a dunha piscina olímpica. O proxecto tamén prevé un sistema de recollida e almacenamento das augas pluviais, que se reutilizarán para a limpeza da propia nave.

 

Dentro da finca da Granxa Gayoso-Castro, ademais da unidade de leite, inclúense unhas instalacións nas que se atopan máis de 200 reses de Raza Rubia Galega. Estes animais están nas dependencias que o organismo provincial ten en Castro de Rei mediante un convenio de colaboración que a Deputación subscribiu en 2007 con ACRUGA. O acordo consiste en que a Asociación deposita na Granxa Gayoso un número de xovencas que son mercadas ós gandeiros e logo véndense a outros puntos de España, de tal xeito que se favorece a expansión desta raza.

A nave albergará as 200 xovencas que existen nestes momentos, os 8 machos e 25 vacas adultas. Ubicarase nunha parcela situada á marxe dereita da estrada en dirección Castro Riberas de Lea, enfronte da unidade de leite existente. Terá unha lonxitude de 65 metros e ocupará unha superficie de 1.168 metros cadrados, ou o que é o mesmo, como 10 pisos de 100 metros cadrados ou 2 campos de baloncesto.

Exportación dunha imaxe de calidade

Gómez Besteiro subliñou que o proxecto “será interesante para a provincia”, xa que “Lugo é esencialmente gandeira, proba disto é que no último ano incrementáronse o número de reses desta raza nun 17%, onde Lugo alberga o 75% do territorio nacional”.
            Neste senso, o titular provincial apuntou que “planificamos un cambio de actividade na Granxa Gayoso-Castro con outro proxecto moi interesante. Pretendemos investir máis de 10 millóns de euros no Centro de Recría de frisona, onde se pretende recriar máis de 3.000 novillas. Pero non queremos deixar de investir na Raza Rubia Galega. Por tanto, tocaremos as dúas razas e incrementaremos as relacións con ACRUGA”. A este respecto indicou que “seguiremos exportando esta imaxe de provincia gandeira de calidade”.

Besteiro tamén pediu que o exemplo conda noutras administracións. “A Deputación non pode facelo todo. Esperamos que estas accións sirvan para que outras administracións orienten a súa política cara o campo. No noso Plan Estratéxico, que está a punto de coñecer toda a sociedade, explícase que a mirada ó campo é necesaria. A Deputación ten que ser un referente porque non ten sentido que na Granxa nos adiquemos a producir leite, pero sí para axudar alí onde outros non actúan”.

O mandatario provincial tamén se referiu á relación entre a Deputación e ACRUGA. “Seguimos tendo en vigor un convenio que nos relacionará ata o 2017 e no que achegamos 150.000 euros, uns 25 millóns das antigas pesetas. Queremos ser útiles e non dar problemas”, dixo Gómez Besteiro.


Pola súa banda, o Presidente de ACRUGA salientou que “desde entón entre a Deputación e a Asociación estase a crear rabaño de elite coas mellores novillas para dar resposta á grande demanda. En 2007 comezamos coa adquisición de pouco máis de 50 e agora hai máis de 210 reses no Centro de Recría. En menos de tres anos vendéronse pretos de 200 a máis de 30 explotacións”.

Sociedade