Doses de maxia, cinema, circo e música para aderezar o verán

Doses de maxia, cinema, circo e música para aderezar o verán

06 de Xullo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A concelleira de Cultura e Deportes de Fene, Rocío Bértoa, presentou esta mañá o programa de actividades culturais previsto para este verán 2011. O mércores 20 de xullo inaugúrase o Ciclo do Día da Patria Galega coa actuación do Mago Christyan Magic. O ilusionista traerá á Praza do Concello, ás dez da noite, un espectáculo de maxia para toda a familia: “Meigallo na rúa

O ciclo continúa ao día seguinte, 21 de xullo, cunha ofrenda floral no Monumento 25 de Xullo “Día da Patria Galega”. O acto desenvolverase ás oito do serán no Parque Lineal do Río Cádavo onde unha antiga alumna do obradoiro literario dará lectura á declaración institucional. Unha hora máis tarde, a Praza do Concello de Fene albergará o VI Festival de Habaneiras coa participación da Rondalla Perla del Río, a Coral Eterna Xuventude, a Coral de San Valentín, a Coral Agarimo de Sillobre e a Coral O Pote de Maniños.

O mundo do circo tamén ten oco na programación o venres 22 de xullo co  Feneclown. Ás oito do serán sacarán un sorriso a grandes e pequenos Rudi-Rudi co seu espectáculo “Clowntamination” e Peter Punk. Humor, clown, circo ou malabares para toda a familia.

O verán 2011 achega, un ano máis, o cinema ás parroquias fenesas co programa “Noites de cine”. O campo da festa da Liga de Amigos de Barallobre acollerá a primeira das proxeccións, “El secreto de sus ojos”. Será ás dez e media da noite do 24 de xullo, véspera das festas patronais de Barallobre. O filme “Avatar” visionarase no adro da igrexa de Sillobre o xoves 28 de xullo, ás dez e media da noite. As proxeccións retómanse o 4 de agosto co pase da longametraxe de animación “Up” na asociación de Veciños De Magalofes- O Pedrón ás dez da noite. A pista polideportiva de Perlío transformarase nun cine ao ar libre o xoves 11 de agosto. Ás dez da noite poderase disfrutar da película “Crepúsculo: Luna nueva”. Á mesma hora o 18 de agosto está prevista a proxección da longa “Corazón de tinta” na pista de O Pote de Maniños.

Grazas á  colaboración da Rede Cultural de a Deputación de A Coruña, a Festa de O Pote de Maniños, que se celebra o 28 de agosto, contará coa actuación de Leilía Tradicional.

Cultura