Educación convoca as prazas de mestres en Galiza

Educación convoca as prazas de mestres en Galiza

11 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Consellería de educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de procedementos selectivos de ingreso e acceso ao corpo de mestres e de profesores de artes plásticas e deseño, así como o procedemento de adquisición de novas especialidades para o persoal funcionario de carreira dos devanditos corpos da Comunidade Autónoma de Galicia. A publicación faise despois que os representantes da Di

Ao abeiro deste procedemento selectivo, que dará comezo a partir do 22 de xuño de 2011, convócanse un total de 268 prazas, das que  18 corresponden ao corpo de profesores de artes plásticas e deseño, e as 250 restantes son para o corpo de mestres. Atendendo ás especialidades, haberá 100 prazas para mestres de infantil e 150 para mestres de Primaria. As 18 prazas para profesores repartiranse en 4 para a especialidade de Debuxo artístico e cor, 6 para deseño de Interiores, 4 para Deseño gráfico e 4 para Medios informáticos.

Cómpre lembrar que para efectuar esta convocatoria de oposicións a Consellería de Educación aplicou unha taxa de reposición do 30% das prazas -o máximo legal permitido pola lei de Orzamentos do Estado- para non incorrer en posible inconstitucionalidade, e despois das advertencias que nese sentido se lle formularon desde o Ministerio de Política Territorial e Administración Pública. O Goberno central obrigou así a aplicar esta taxa do 30% sobre as xubilacións do ano 2010 - 898 en total- o que fai posible a convocatoria dun máximo de 269 prazas.
Requisitos
Para o acceso ao corpo de profesores de artes plásticas e deseño os aspirantes deberán estar en posesión do título de doutor, licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente. Para a especialidade de Deseño de Interiores será válido o título de Deseño, especialidade deseño de interiores; e para a de Deseño Gráfico o título de Deseño, especialidade en deseño gráfico. No caso dos mestres, deberán posuír o título de mestre ou de grao correspondente, ou o de profesor de educación xeral básica, ou de mestre de ensino primario.

A solicitude deberá efectuarse pola internet a través da páxina web da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no  enderezo http://www.edu.xunta.es/oposicions , e deberá imprimirse a instancia para presentala no rexistro xeral da Xunta de Galicia ou nos rexistros provinciais dos departamentos territoriais da Xunta.

Sociedade