As empresas eólicas deberían pagar ata 15 veces máis polos terreos, segundo un estudo da Universidade de Santiago

As empresas eólicas deberían pagar ata 15 veces máis polos terreos, segundo un estudo da Universidade de Santiago

26 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

As empresas eólicas que adquiren terreos para instalar aeroxenadores pagan aos propietarios das terras entre 5 e 15 veces menos do seu valor real. Sinálao así un estudo realizado por economistas da Universidade de Santiago de Compostela, a petición do sindicato Unións Agrarias, no que se pon de manifesto que o actual sistema de taxación prima os intereses das grandes empresas e resulta lesivo económica e socialmente para o medio rural.

Na actualidade, os xurados de expropiación e os tribunais de xustiza taxan os solos onde se van instalar as empresas eléctricas a partir do seu valor rústico; é dicir, calculan as rendas que producen os cultivos agrarios ou forestais que neles se atopan. Os expertos da Universidade de Santiago parten da premisa de que os terreos non deberían valorarse deste xeito, senón en función da súa capacidade para xerar enerxía, que é a verdadeira razón pola que son demandados polas empresas.

Deste xeito, e en función das distintas metodoloxías de taxación aplicadas, os economistas conclúen que o prezo xusto dos terreos eólicos oscilaría entre un mínimo de 27,12 e un máximo de 34,50 euros metro cadrado. Estas cantidades contrastan cos entre 2 e 6 euros que se están a pagar na actualidade. Desde Unións Agrarias reclaman, xa que logo, que os xurados de expropiación forzosa e os Tribunais de Xustiza tomen nota e apliquen os resultados de este estudo á hora de realizar as taxacións. O secretario de Desenvolvemento Rural da organización, Jacobo Feijoo, destacou en Radiofusiòn que o informe abre un “antes e un despois” nas negociacións.

Os responsables de Unións Agrarias destacan que non se opoñen ao desenvolvemento de proxectos eólicos no rural galego, senón que defenden que non se pode realizar nun marco de relacións inxusto para os propietarios rurais e comunidades de montes.

Sociedade