En febreiro volven os sabactivos

En febreiro volven os sabactivos

21 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Ferrol retomará o programa municipal Os Sabactivos no mes de febreiro con importantes novidades. Dirixido aos nenos e nenas de 3 a 12 anos, ofrecerá todos os sábados talleres de ocio didáctico con custe cero para as familias. O goberno local poñía en marcha este proxecto hai xa tres anos co ánimo de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral nos fogares da cidade.

Desde o 5 de febreiro e en horario de 10 a 14 horas, os máis pequenos da casa poderán acudir á Ludoteca Municipal ubicada no Cantón de Molíns e participar nunha serie de talleres: xogos populares, deportes alternativos, arte e manualidades, teatro e xogos dramáticos, masaxes, relaxación con aromaterapia, musicoterapia, risolandia, canta-baila ou xornalismo. Entre as novidades desta edición, os nenos e nenas elaborarán eles mesmos un almorzo saudable que degustarán a media mañá. 

Doutra banda, a concelleira de Xuventude e Benestar Social, María López, destacou o interese de vencellar as actividades ás datas conmemorativas marcadas no calendario nos próximos meses polo que se planificaron accións temáticas. Así, en febreiro e marzo, con motivo do Día da Muller Traballadora e do Entroido, os nenos e nenas participarán en actividades que fomenten a igualdade entre sexos e elaborarán disfraces. En abril e por mor do Día Mundial da Saúde e do Libro e a Propiedade Intelectual, reservarase espazo para accións vinculadas coa educación para a saúde e de animación á lectura. En maio, co gallo do Día da Diversidade Cultural, dedicaranse as horas a coñecer e xogar cos Nenos do Mundo e, en xuño, no Día Mundial do Medio Ambiente, levaranse a cabo actividades de sensibilización. 

Para participar no programa non é preciso inscrición previa. Basta con presentarse na Ludoteca Municipal ás 10 horas, xa que deste xeito se evita precisamente que se reserven prazas e logo non se cubran no día da actividade, quedando fóra outros nenos e nenas. O cupo está en 45, indicou María López.

Sociedade