Enclave benigno nun lugar inaccesible

Enclave benigno nun lugar inaccesible
25 de Agosto, 2020 - 01:23 h. | Publicada por Radio Fene

Sorprende atopar un enclave tan benigno con auga fresca, árbores e arbustos ricos en froitos, nun lugar tan inaccesible. A cincenta luz solar recuperaba parte do seu brillo ao caer en forma de raios finos e discretos sobre as rochas veteadas de liquen. Alí as noites debían ser longas e duras. O releve faise impracticable amortecido pola suavidade e a placidez do canto do río.

ESCOITA O PODCAST:
Cal do Barqueiro, onde nunca chegaron os franquistas

A fraga do Eume é o bosco atlántico mellor conservado de Europa. Un grupo de amigos adentrouse no monte desde o lugar da Lagoa en Soaserra. Un dos obxectivos era chegar ao Cal do Barqueiro, onde os guerrilleiros antifranquistas construíran o seu refuxio. Alí onde xamais lograron chegar as forzas da ditadura. O que máis lle chamou a atención a Pedro Fernández Nisa, de Estremadura, foi a paraxe onde se agochaban os guerrilleiros antifranquistas. Pescaban reos e salmóns no río, que cociñaban con carbón vexetal que non fumegaba. O peixe acompañabase de castañas, abundantes na zona.
A rebelión do xeneral Franco e os seus cómplices militares e civís contra o goberno republicano legal e lexitimamente constituído levou aparellada unha deliberada represión baseada no terror e na crueldade máis expeditiva (1). Para moita xente de esquerdas, as fragas do Eume constituíron un refuxio natural para escapar dos paseos e execucións.
O sendeiro que discorre ao pé dos regatos da Lagoa e da igrexa, xa cando desembocan no rio Eume. Ese foi o tramo preferido para José Manuel Torregrosa.
Ao rematar a guerra, foi organizándose a guerrilla. O protagonismo no acorralamento do maquis foi para a Garda Civil , acompañada nalgúns casos de somatenes e falanxistas como colaboradores no acoso aos guerrilleiros. O Partido Comunista respalda ao movemento guerrilleiro de forma activa desde 1943. As guerrillas ían organizándose e tomando unha estrutura militar con obxectivos nitidamente políticos. A visita ao Cal do Barqueiro e ás fragas do Eume, foi cen por cen fraga. Houbo algúns rasguños e pequenas feridas, pero Luis Alonso pasouno divinamente.  
No apartado represivo, as forzas de seguridade foron afinando as súas estratexias, actuando cada vez máis sobre os indefensos enlaces e puntos de apoio. Infiltráronse nas propias partidas guerrilleiras. As estratexias de loita contra os maquis foron complementadas coa durísima represión e a situación de medo e fame que vivía España. Estas razóns e a pasividade das potencias democráticas internacionais foron claves para rematar co movemento guerrilleiro. Pero ao refuxio do Cal do Barqueiro, nunca chegaron. A Jose Ramón Garcia Sampil gustáronlle os regatos da Lagoa e da Igrexa. El xa coñecía a zona na que se agochaban os guerrilleiros.
O río Eume garda unha fraga de singular atractivo e interese. Rochas de impresionante beleza, vexetación autóctona, abrupta orografía e difíciles accesos configúranse para manter vivo un tesouro, alonxado da voracidade urbana.

 

(1)    RODERO, JOAQUIN (ed) Represión franquista en el Frente Norte. Eneida. Madrid. 2008.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora