Enrique Morente ofrece este venres en Ferrol o seu único concerto en Galicia

Enrique Morente ofrece este venres en Ferrol o seu único concerto en Galicia

20 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O artista andaluz protagonizará un recital de cante no que incluirá temas das súas últimas grabacións, ademais de cancións de repertorio antigo. O concerto será no Teatro Jofre a partir das dez e media da noite. As entradas xa están á venda a través da web do Concello de Ferrol ou no Punto de Información Cultural ubicado na taquilla do propio teatro.

Enrique Morente foi o primeiro cantaor de flamenco que recibiu o Premio Nacional da Música outorgado polo Ministerio de Cultura de España no ano 1994. Tamén foi distinguido en 1995 coa Medalla de Ouro de la Cátedra de Flamencoloxía de Jerez de la Frontera e co Galardón de Honor dos Premios da Música en 1998.

O artista andaluz está considerado como un dos máximos responsables da renovación do cante, así como o mellor adaptador de poemas cultos de poetas como Miguel Hernández, García Lorca, os irmáns Machado, Lope de Vega, San Juan de la Cruz ou Rafael Alberti. Posúe a Medalla de Andalucía, que recibiu en 2005 en recoñecemento a unha encomiable carreira adicada ao flamenco e á súa apertura con respecto a outras músicas, así como á súa divulgación por todo o mundo. Posteriormente, en 2006, foi condecorado coa Medalla de Ouro ao Mérito en Belas Artes.

O seu último disco, “Morente flamenco”, foi editado no ano 2009.

Sociedade