A escola tamén vive o Entroido

A escola tamén vive o Entroido

12 de Febreiro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os centros escolares de Fene celebran o venres 13 de febreiro o Entroido, nas aulas, nos patios e na rúa. A imaxinación ao poder neste día onde o mundo se pon do revés. Disfraces máis elaborados ou simples foleiros desfilarán tamén polas rúas das respectivas parroquias, servindo de introduducción á festa. En todos os colexios acaban degustando as larpeiradas que cociñan previamente as nais na casa. Que dure moitos anos.

O  alumnado do colexio A Xunqueira de San Valentín difrazarase de “contos”. Cada aula será un conto. Arredor das 12 do mediodía os alumnos-as de infantil e primaria desfilan e interpretan as coplas no ximnasio do centro. Mesmo remates todoslos cursos, sairá en desfile polo barrio, xunto cos da ESO, que á volta protagonizarán un festival de comparsas. No caso de choiva, suspenderíase o desfile polas rúas do barrio que empeza a celebrar mañá as festas patronais.  

O MAR é o tema central do antroido no colexio Os Casais de  Maniños onde levan toda a semana cumprindo os mandatos do Meco, ataviados con elementos mariños. Un dia co flotador na cintura e outro coas gafas de buceo. Mañá cada un irá vestido completo de algo relacionado co mar, traído da casa. Os máis pequenos empezarán a mañá cun obradoiro de decoración de filloas con animación musical. Os outros desfilarán interpretando as cantigas ensaiadas para a ocasión. Trala queima do Meco no patio, degustarán as larpeiradas elaboradas polas nais.  
Cando entren no cole mañá poderán fotografarse co barco instalado no vestíbulo.

Polas rúas de Perlío, se fose bo tempo, desfilará mañá venres o alumnado dos dous centros escolares da parroquia, o colexio Centieiras e o Jorge Juan. Como é costume, alumnos e profesorado serán recibidos na praza do concello polo alcalde. Ás 10 arrincará o desfile de Centieiras e ás 11,30 partirán os da Jorge Juan.
Nesta ocasión Centieiras retorna ao antroido popular galego e todos sairán á rúa vestidos de foleiros, liberdade total para que cada quen escolla o seu disfraz non elaborado, senón aproveitando os trapos, roupas e complementos que atopen pola casa. Todo se deixa en mans da imaxinación. No centro formouse unha das comparsas que actuarán o mércores de Cinza na praza do concello. É a dos alumnos de 6º que queren reunir fondos para a viaxe de fín de curso.

O Ramo de Barallobre tamén é ousado e sairán as comparsas pola parroquia, se non chove moito, ás 12 da mañá. Antes farán concursod e disfraces e representacións teatrais no salón de actos. Despois do recreo, sobre as 13 horas participarán na degustación de  postres do antroido todos xuntos. O Ramo preparou para a ocasión un tunel das sorpresas.   

Entroido municipal

As 15 comparsas inscritas no Antroido de Fene están convocadas hoxe a unha xuntanza coa concelleira de Cultura para perfilar os detalles do mércores de cinza, o día grande do entroido fenés. Desas 15 agrupacións, catro son da casa: A saber a da Escudería Scratch Fene; Os Xunquiños; a de Sillobre e sexto curso de Centieiras.A xuntanza informativa será ás 20 horas, na Aula de Xuntas do Departamento de Cultura e Deportes.

Sociedade