Expertos internacionais debaten en Santiago sobre os problemas da infancia

Expertos internacionais debaten en Santiago sobre os problemas da infancia

28 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Arredor de douscentos profesionais de todo o mundo reflexionarán en Santiago sobre os mellores métodos para evitar problemas na infancia. No marco do Congreso Avancemos con eles, o mundo da infancia a debate abordaranse asuntos como os malos tratos, as dificultades de aprendizaxe, as enfermidades raras, o autismo ou a hiperactividade. O evento, organizado pola Unidade de Atención Temperá da Universidade, celebrarase desde este xoves ata o sábado.

"O mundo da infancia cambia a ritmo vertixinoso e os profesionais séntense desbordados”, asegurou en Radiofusión a organizadora do congreso, María José Buceta. O título do evento, Avancemos con eles, alude precisamente a ese obxectivo de adaptarse rapidamente ás novidades.

O encargado de inaugurar o evento será o director do Instituto de Medicina Legal, Ángel Carracedo, que analizará os retos da xenética no campo da infancia. Outra das conferencias destacadas será a da profesora da Pontifica Universidade Católica de Perú e presidenta da ONG REDESS Jóvenes, María Raguz Zavala, quen falará sobre o desenvolvemento dos menores en contextos de desigualdade. Daranse a coñecer tamén os métodos de intervención ante casos de hiperactividade, autismo ou as chamadas enfermidades raras. A directora da Unidade de Atención Temperá da Universidade de Santiago, María José Buceta, salienta que, ademais de importantes profesionais, no congreso tomarán a palabra os propios implicados. Así, por exemplo, persoas con discapacidade debaterán sobre as súas necesidades.

O Congreso, declarado de interese sanitario pola Xunta de Galicia, conta coa colaboración de entidades como Unicef, o Real Patronato de Prevención das Discapacidades, o Observatorio Galego da Infancia, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Fademga, a Fundación Pedro Barrié de la Maza, Autismo Galicia, a Fundación Renascer ou Arela.

Sociedade