Exposición do machismo

A violencia invisible, a que pasa desapercibida, exhibirase nunha exposición participativa
16 de Decembro, 2019 - 12:19 h. | Publicada por Radio Fene

A Casa da Cultura de Fene acolle a “Mostra das Violencias Invisibles” A veciñanza pode participar activamente expoñendo un obxecto que considere represente a violencia machista e poñerlle o seu título. (Por qué rosa a bolsa da roupa suxa?

A "Mostra das Violencias Invisibles" poderá visitarse na Casa da Cultura de Fene durante o mes de decembro. Unha exposición resultado do Obradoiro “A Saúde, unha Cuestión de Xénero”, que tivo lugar a semana pasada no Centro Municipal de Servizos Sociais, financiada pola Deputación de A Coruña no marco da Campaña "Machismos sen Miopías".

A mostra constitúe un espazo de creación e reflexión. Pretende imitar unha sala dun museo, ou calquera outro espazo expositivo, na que todas e todos son as artistas convidadas. A idea central é visibilizar as violencias machistas a través de obxectos da vida cotiá. Obxectos comúns, obxectos que parecen neutros, mais que para cada unha de nós poden simbolizar formas de agresións que nos oprimen, nos violentan e nos destrúen.

Os seus obxectivos son compartir con outras persoas un obxecto que para nós representa unha agresión machista; visibilizar formas de violencias machistas que fican ocultas habitualmente, e sensibilizar sobre a necesidade de erradicalas. Por iso, trátase dunha mostra viva e, dende o Concello, convídase ao público a reflexionar e achegarse cun obxecto que represente a violencia machista para esa persoa. Pode ser calquera, só importa que teña significado para ela. A continuación, anímase a compartir o sentido de traer ese obxecto nunha cartela onde se lle pode poñer título e describir esa "obra". Estas cartelas facilitaranse no espazo. Por último, tamén se pode participar visitando a exposición ou simplemente falando con amigas e amigos sobre a súa existencia.

Institucional

Publica o teu comentario agora