Facendo historia

Facendo historia
17 de Abril, 2019 - 09:57 h. | Publicada por Radio Fene

A mocidade de Sillobre comezou a falar en outubro de 1968 na zapatería de Marcelo para construiren unha sociedade que dinamizara culturalmente a parróquia. Despois de distintas reunións, chegouse a un acordo sobre o nome e os estatutos. A comezos de 1969 formouse unha comisión xestora e o 6 de abril dese ano fundouse a Sociedade Cultural Recreativa e Deportiva Agarimo de Sillobre. A entidade celebrará este venres 19 de abril os seus cincuenta anos de vida co descubrimento dunha placa conmemorativa, a proxección dunha película da colocación da primeira pedra do local e a inauguración dunha exposición fotográfica. Todo comezará ás oito da tarde en Agarimo.

Pazo da ribeira do Belelle, edificio histórico en Sillobre

Agarimo inaugurou o seu primeiro local na casa de Fernando Saavedra o 3 de agosto de 1969. A actividade foi incesante, abarcando a promoción da cultura galega, do deporte e da música. En 1971 a directiva acordou mercar unha parcela de 2.500 metros cadrados no lugar do Souto para poder levantar un novo local. A primeira pedra púxose o 5 de xuño de 1977 inaugurandose o 18 de marzo de 1984. A obra realizouse fundamentalmente por prestación persoal voluntaria e desinteresada da veciñanza, segundo recollle María Rivera no seu libro Sillobre ven de antigo.

O local de Agarimo dispón dun amplo salón de actos, cafetería, sala de reunións e exposicións, aseos e biblioteca.

Cultura

Publica o teu comentario agora